Camariña

Xan R. Silvar EN POSITIVO

FERROL

15 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Costa imaxinar a paisaxe que se abriu aos ollos do erudito benedictino Martín Sarmiento, cando en 1754 visitou as terras de Prior e veu tantas plantas de camariña que deixou anotado, segundo Moure-Mariño, «pasé el arenal de Prioiro, y en el vi y cogí las camariñas, con frutilla, ay muchas de ellas». Ou quizais non custe tanto aos que pasen do medio século, e lembren os campos e as terras cultivadas lindando con Inglaterra mar por medio, e coas abas dos montes, onde estaban os piñeiros de tronco pardo e copa verde escuro.

O caso é que hoxe xa non son numerosas as camariñas, quizais vistas por Sarmiento nos campos de Marmadeiro, como apuntara o lembrado naturalista Xavier Sóñora, pois outro dos seus nomes é marmaeira. Ou marmea, como se coñece na praia valdoviñesa do Rodo, en Pantín, no límite setentrional de distribución da especie, co seu outro confín en terras gaditanas. Arbustos raros, por escasos e por esixentes de areas e da complicidade de aves, que coman o seu froito esférico e depositen as sementes, co fertilizante inevitable, nalgún lugar axeitado. Non poden ser abundantes con esta bioloxía, e non o son. As súas poboacións declinaron, e algo terá que ver a presión humana en campos que so coñecían as bestas silvestres. En Covas temos tres matas, en Pantín unhas cantas máis, e todas expostas a calquera incidencia. Esta semana quedaron tomadas mostras botánicas e xenéticas, para que a ciencia poda aconsellar as medidas necesarias para conservar estes tesouros da biodiversidade. Son pequenas manchas verdes da flora galega -nun irrepetible lugar de encontro entre o mediterráneo e o cántabro, como un xogo de agachadas por costas e montes- que demandan coidados.