Ciclos

Xan R. Silvar EN POSITIVO

FERROL

01 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A vida é un fenómeno fascinante e un desafío á razón. Canto máis descubre a ciencia das funcións vitais, máis destaca a elegancia das regras que a organizan. Procesos fisicoquímicos facilitan en medios acuosos seres moi simples, aparecidos case coa formación da Terra. A evolución, durante millóns de anos, permitiu a aparición de formas máis e máis complexas, incluso as que, coma nós, somos un mar interior que abandonou as augas, portando un número asombroso de células propias e microorganismos asociados.

Quizais ese longo camiño no tempo fai que levemos gardada nos xenes a importancia dos ciclos naturais -isto é, mandados por fitos astronómicos como as fases da lúa e as posicións no ano solar- que eran de vital observancia para as sociedades agropecuarias. Así o 1 de febreiro é en Irlanda o día do imbolc (o limiar), cando a vida volve ao mundo, pechando o período da escuridade. O certo é que as primeiras primaveras alegran o meu campo, e os ferreiriños xa comezan a buscar oco para facer o niño, seguindo o alongar do día e a presenza de insectos. Outro fito importante lémbrase o día 2. É o das zonas húmidas e nolo recorda a convención Ramsar, un tratado con 170 países e 2.337 sitios Ramsar. En Ferrolterra temos o da lagoa e areal de Valdoviño e no resto de Galicia, a ría do Eo, as rías de Ortigueira e Ladrido, o complexo de Corrubedo e o intermareal Umia-O Grove. Estas zonas son as máis destacadas, pero Galicia conta con numerosos enclaves, temporais ou permanentes, útiles para a vida e tamén para frear o cambio climático, lema deste ano. Ter auga é un desafío nun clima cambiante.