Retos e oportunidades do sector agrogandeiro en Ferrolterra, Eume e Ortegal

Antonio Álvarez Feal

FERROL

27 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

As comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal ocupan o 19 % da superficie provincial, pero as súas terras cultivadas apenas representan o 15 %. Esta diferenza débese ao peso do forestal, sobre todo no Ortegal, pero iso non significa que non teñan recursos edafolóxicos e climáticos óptimos para a actividade agrogandeira, malia que a orografía limita os aproveitamentos. As zonas interiores e de orografía máis irregular son máis aptas para a gandería extensiva, sobresaíndo as explotacións de vacún de carne. As planicies e vales como os de Narón-Valdoviño, San Sadurniño-Moeche, A Capela ou Monfero préstanse para vacún de leite, cereais de gran, patacas, cultivos forraxeiros, froiteiras, nabizas-grelos e hortalizas.

En canto aos aspectos nos que cómpre mellorar, como ocorre no conxunto do rural galego e do noroeste español, están relacionados co despoboamento e o envellecemento, polo que, entre outras cousas, é preciso fomentar a remuda xeracional e tamén reforzar as estruturas de comercialización, unhas políticas que constitúen eixos fundamentais de traballo por parte da Xunta.

Non obstante, hai que salientar, ao tempo, que nestes últimos anos houbo unha transformación das explotacións, coa súa modernización e especialización, respondendo así ás demandas do mercado. As de vacún de leite intensivas que non tiñan a suficiente base territorial convertéronse a vacún de carne en extensivo, que require menos man de obra, equipamentos e insumos. Do mesmo xeito, moitas explotacións de flor cortada pasaron a horta para mellorar a súa rendibilidade no contexto da competencia mundial. Neste proceso, creáronse tamén novas explotacións de arandos, mazá para sidra, kiwis, viveiros de plantas ornamentais ou de horta e reactivouse o cultivo de pemento coa Indicación Xeográfica Protexida Pemento do Couto. Así mesmo, puxéronse en marcha novas e interesantes iniciativas de cultivo de trigo do país para panaderías, aguacate e porco celta, coa aparición e/ou transformación dunha agricultura multifuncional enfocada á venda directa para mercados locais, tamén en ecolóxico, de acordo coas tendencias actuais do consumidor de produtos agrarios de proximidade.

A Consellería do Medio Rural aposta pola valorización dos produtos de calidade. Neste contexto, impulsa selos que benefician especialmente o agro nestas comarcas, como son Grelos de Galicia, Pemento do Couto, Mel de Galicia e Agricultura Ecolóxica. Tamén se apoian outras marcas privadas, como a de garantía Produto do Eume para a carne de tenreira do Forgoselo. Este fomento da calidade refórzase con axudas para plans de mellora, incorporación de mozos, pequenas explotacións e desde o ano pasado as específicas á produción vexetal (horta, viveiros e froiteiras). Antonio Álvarez Feal, xefe de área de Servizos Agrarios de Ferrol-Betanzos.