Mitos e ritos

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL

09 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

En poucos anos temos visto como xenaron, desenvolvéronse e medraron rituais colectivos. A cabalgata dos Reis Magos de Oriente é un dos máis importantes. Este fenómeno español (hai que determinar o territorio cultural) é digno de análises antropolóxicos finos que para ser serios deberán estar libres de prexuizos. Temos unha fonda e rica tradición de imaxes deste mito, lenda, conto ou historia. Para que o mito fique no noso imaxinario e bote raíces son necesarios varios componentes.

O misterio, personaxes crueis e ameazantes, desgracias e peripecias, intervención de seres sobrenaturais, final feliz e trunfo da bondade... A familia é a protagonista desta historia na que todos nos vemos identificados. A cabalgata de Reis pecha o ciclo das festas de Nadal. É o colofón e remate esperanzador do ano novo recén estreado.

Unha festa da inocencia dunha sociedade en realidade pouco inocente. Un xogo de bos desexos que serve para botar unha rede de cohesión e identidade colectiva. Faise un teatro de soños e todo traballa a prol da eficacia do ritual. Até os telediarios abren as noticias coa chegada das súas Maxestades os Reis Magos de Oriente. Non hai concello por pequeno que sexa que non se esmere na celebración.

É importante que as bases de mito e rito teñan implicación económica. O mellor do ocio é que teña negocio. Sempre foi así con todos os mitos e liturxias históricas. En Galicia inventouse o mito de Santiago co ritual da peregrinación. O ocio non renega do negocio.