Adeus ao amigo e ao compañeiro

Manuel Rodríguez Doval ARES

FERROL

Manuel Rodríguez Doval, exalcalde de Ares, fai unha sentida semblanza de Barcia

14 nov 2018 . Actualizado a las 17:55 h.

Coñecín a Xosé Fernández Barcia cando aínda non tiñamos saído da ditadura (contra da que el tamén loitara activamente) e comezaba o que foi logo a mal chamada transición. Desde aquela, mantivemos (no persoal e no político) camiños que, mesmo que en ocasións fosen inzados de contradicións e discrepancias, sempre camiñaban no horizonte no que brilaba unha Galiza de seu.

Tanto no contacto diario coma desde a diáspora, sempre foi a palabra e o compromiso un espazo no que partillamos, quer no traballo social, na defensa dos dereitos da clase traballadora ou no traballo municipal no que coincidimos el en Mugardos e un servidor en Ares. Lembro con emoción aquelas cartas que me chegaban do Canadá antes do Nadal, nas que Barcia non só agasallaba bos desexos para familia e compañeiros; senón que tamén daba azos para o traballo político.

Logo, coa súa volta ao país, foi tecendo propostas para facer realidade as ideas que el sempre tivera para o seu concello. Primeiro, cun intenso traballo coma concelleiro, e máis tarde converténdose no primeiro alcalde nacionalista de Mugardos. Unha etapa non exenta de manobras noxentas que pretenderan implicalo a el e ao BNG en presuntas tramas de corrupción… Feitos polos que aínda agardamos que alguén pida perdón. A xererosidade ao dar paso a un novo ciclo no proxecto nacionalista de Mugardos non tivo a compensación que a vida lle debería polo seu esforzo e compromiso. E xusto agora, cando podería disfrutar do que noutrora foille imposíbel, a morte róuballe o dereito máis prezado: o da vida.

Sería fácil recorrer ao dito de que as persoas pasan, mais as obras quedan; mais cando che arrincan ás persoas que axudan no proxecto, pouco máis fica que impotencia e carraxe. Aínda así, converteremos esa sensación en azos para continuar. E nesa Galiza de seu, xuntarémonos novamente, amigo, compañeiro…