San Froilán

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL

02 oct 2018 . Actualizado a las 23:51 h.

Asociado ás festas de Lugo e ás pulpeiras. Iso é moito pero non é o mellor. San Froilán está vencellado as montañas do Bierzo, a León onde foi bispo, a mosteiros da repoboación do Duero e máis a Viseu, hoxe Portugal, que daquela era todo a mesma terra.

Do Santo chamoume a atención que lle daba á vida retirada de eremita e á vida activa de organizador e defensor das terras estragadas pola guerra. Rezaba, traballaba e tiña tempo para ler libros piadosos sen especificar. Nas viaxes levaba sempre unha biblioteca nas alforxas do burriño.

Tamén levaba, supoño, as mudas (tiña sona de limpo) os zocos de reposto e outras cousas que non se contan pero se supoñen. Un día veu un lobo, atacou e devorou ao seu burro. Moito estimaba San Froilán ao seu burriño. O santo falou seriamente co lobo e de penitencia cargoulle coa biblitoeca. Froilán bispo preside o parteluz da portada da catedral de León.

En Lugo non, pero en León esqueceron ao lobo que coma un can seguía ao santo, pegado á súa perna dereita. Gústanme os santos con animais. San Roque, San Antoniño abade. San Francisco tamén ten unha historia cun lobo feroz e San Antonio predicaba aos peixes e parece ser que con éxito. Pensei para este mércores que a vostedes lles podía interesar a historia de Froilán, patrono de Lugo e máis de León.

Diante da catedral de León rendíronlle homenaxe cos pendóns dos pobos leoneses. Un espectáculo precioso. Parece ser que o lobo era de Vega de Valcarce. Pero os lobos de hoxe non se falan cos homes.