Minar o porvir do rural

Quique Fojón Caruncho TRIBUNA

FERROL

23 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Dous anos de prohibición e dende o rural facemos balance: sufrimos unha campaña de ameazas a través de televisión e a prensa tratándonos de delincuentes en potencia; moitas pequenas hortas destinadas a autoconsumo foron abandonadas para sempre; os labregos tivemos que apandar con perdas económicas (por non poder plantar patacas) que ninguén nos compensará; e a praga do xabaril continúa provocando importantísimos danos económicos e ambientais. Sen embargo, para a Consellería de Medio Rural todo isto carece de relevancia. As plantacións de eucaliptos achéganse a ríos, labradíos, estradas e vivendas, pero iso tampouco se controla; e, por sorte, na maioría do norte de Galicia nin vimos nin sabemos como é a couza da pataca. Dous anos de prohibición e sospeitamos que o que se quería eliminar con esta corentena non era só a Tecia solanivora, senón tamén as persoas que no rural queremos producir alimentos, para nós mesmos ou para vender. Ou, no peor dos casos, minar un pouquiño máis as xa maltreitas esperanzas dun porvir cun rural con aldeas habitadas e con algo máis que eucaliptos nas súas terras.