0 25 de xullo

Xan R. Silvar EN POSITIVO

FERROL

20 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Compóñense estas palabras a poucos días desa data que invoca o nome de Galicia, Galiza, poucas letras xuntas para nomear a un imaxinario colectivo. Para millóns de persoas, nadas ou non neste pequeno territorio, feito de singularidades xeográficas e humanas, son moitas as xentes chamadas neste fito do calendario. Pasado o solsticio do san Xoán, rendido o culto ao mar do Carme, achégase a data central, o marco ergueito do Santiago, destacado entre tantas outras santidades, Roque, Andrés, Froilán… nomes últimos para celebracións perdidas no tempo.

Dise que Galicia é unha emoción. Pode ser. Alén de descricións formais, de explicacións inspiradas, dos tópicos inevitables, pode ser, intúo, que haxa matices imposibles de transmitir sen a visión dunha certa paisaxe, sen o apoio do tacto húmido do mofo, pegado na pedra a carón dun regato fresco. Pode ser preciso sentir o son da marusía batendo nos cons, nun compás que sae tamén no punteiro de gaita ou no canto sobre ferreñas. Terase que escoitar a fala da nena chamando pola nai, verbas frescas artellando de novo unha vella cultura. Haberá de matizarse no sabor dun caldo, dun cocido, do peixe fresco ou no marisco inverosímil, no viño feito das cores de ceos sempre velados pola humidade criadora. Difícil falar dun país que foi, é, e será, si quere. Un país poboado por pouca xente, maior e concentrada na costa, co reto de ter os pés nesa idade media que chegou a mediados do século vinte, e a cabeza en dar futuro ás súas crianzas, atraendo tamén a xentes amantes da calidade da terra. Reto duro, non menos que a vida dos devanceiros. Lembrándoos, seremos quen de modernizar o país sen perder as esencias. Sempre en Galiza.