Bo e xeneroso

Xan R. Silvar EN POSITIVO

FERROL

11 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai unha estrofa no himno galego «os bos e xenerosos a nosa voz entenden, e con arroubo atenden o noso ronco son» parece aludir a quen dende fóra do país escoitan e aprecian aos «fillos de Breogán» -os habitantes de Galicia- na súa proclama de mirar cara adiante, rompendo cun pasado de pobreza e opresión secular. Para mellor entendela convén lembrar que o símbolo musical de Galicia xestouse na Habana, grazas á iniciativa do ferrolán Fontenla Leal, un linotipista emigrante en Cuba, que foi quen de conseguir, non so que o ilustre Pascual Veiga musicara o poema Os Pinos do bardo Pondal, tamén que o Centro Galego da Habana o adoptara en 1907 como himno oficial. No curso do tempo, acadou o mesmo recoñecemento co Estatuto de Autonomía de Galicia de 1980, recoñecéndose as arelas de milleiros de emigrantes de progreso para o seu país, para o cal vían necesario o entendemento e apoio das boas xentes do mundo.

Tamén é de xustiza lembrar ás moitas persoas boas e xenerosas que en Galicia levan décadas de esforzos persoais en participación cidadá, dedicando o seu tempo ao ben común. Non son moitas, demasiado poucas, para tantas causas ás que as administracións e empresas non dan suficiente prioridade. Os individuos notamos que cousas funcionan e cales non na nosa vida diaria; moitos dos problemas resolvémolos por nos mesmos, pero hai moitos casos nos que agruparse colectivamente é a vía para poñer en evidencia problemas: a violencia de xénero, o inxusto papel da muller, o deterioro ambiental, son exemplos de unións que fan forza. Así se recoñeceu hai días no Inferniño na homenaxe a Mel Sanxoán, como exemplo das persoas capaces de mirar polos demais que a sociedade necesita.