A profesora Marlene Wind

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL

13 feb 2018 . Actualizado a las 21:19 h.

A prensa conta tantas cousas a un tempo e dun xeito tan precipitado que o cerebro non as dá asimilado. Necesitamos acougo para pensar. ¿Por que non lembramos aquela lección da universidade de Copenhage? Repasemos. A profesora comezou preguntando como se fai na aula: ¿Ten bolígrafo? Porque é ben que os alumnos teñan boligrafo para apuntar ideas da lección.

Marlene Wind usou o método escolar: pregunta, resposta e nova pregunta, pero fracasou porque o alumno tiña bolígrafo, certo, pero non contestaba. Marlene Wind lamentou a inutilidade do sistema socrático diante dun caso errático que se vai polos cerros de Úbeda. Puigdemont xogaba coma un «cativo consentido».

A profesora Marlene daba en serio a clase, preguntaba cousas asisadas: Fáltanos en España unha visión internacional da nosa propia circunstancia. ¿Qué sería da UE de 200 estados? Unha golosina para Putin. Rusia está ai. Un exército de verdade. Unha mentalidade imperialista. Lembrou a profesora os Balcanes onde o nacionalismo practicou a limpeza étnica... Díxolle a Puigdemont que o seu nacionalismo era «supremacista».

En Europa pensan en serio estas cousas. En España frivolizamos. Como frivolizamos coa democracia e coa Constitución. O rigor, a seriedade da profesora Marlene petaba contra a levedade intelectual de Puigdemont. Mala idea foi o de entrar na universidade. Un lugar inventado para pensar con lóxica e sobre todo un lugar con memoria histórica. Por moitas razóns quero repensar este suceso.