A visita de Ana

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL

13 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Estaba eu lendo cousas miñas, lerias históricas que estimo ler cando petan as borrascas ou cicloxéneses que antes se chamaban Eolo e agora bautizan como se fosen xente. Conta Polibio que «a parte que está ao longo do Mediterráneo até as columnas de Hércules se chama Hispania... o resto que baña o mar exterior, o mar Grande, aínda no ten nome...» Isto é, a parte dos lusitanos, os galaicos e os máis apartados os ártabros... Nestas que veu petando forte Ana provocando «incidencias».

Antes de que se fóra a luz deume tempo a ler que Brutus o galaico era fillo dun tal Marco Junio descendente dun compañeiro de Eneas cando escaparon de Troya. Estes romanos de familias aristocráticas rancias eran moito de ler Homero e tiñan arelas de repetir fazañas ao estilo de Alexandro Magno. Despois se foi a luz. Chamei a Orosa (a compañía que me toca por Pedroso) e informáronme amablemente que tiñan homes andando o monte buscando a avaría. Un eucalipto partira o cable. Pensei nestes traballos de andar o monte metidos en plena borrasca.

Contra as doce da noite veu por fin a luz. Doulles mil gracias a estes esforzados homes. E seguín lendo os «delirios» de Brutus o galaico, que cruzou o río do Olvido e chamou polo seu nome aos compañeiros que tiñan un medo doente a se meter nesa auga que producía un fatal esquecemento das identidades e outras cousas.

¡Que pouca cousa me pareceron as historias do «Galaico» ! Mentres Ana, a filla de Eolo, petaba forte, uns electricistas sen delirios amañaron a luz.