O Racing, a peor serie na división de bronce desde 1990

Jorge Deza

OPA RACING

Estevo Barros

Estar máis de dez xornadas sen vencer dentro da terceira categoría da liga española non foi sinónimo de descenso na historia racinguista

09 dic 2017 . Actualizado a las 11:54 h.

A serie de once xornadas ligueiras sen ganar na que está inmerso o Racing de Ferrol non é a peor da súa historia, pero xa acendeu todas as alarmas. A afección racinguista ten posto o seu foco crítico en Miguel Ángel Tena, mais tamén nun plantel ao que poucos vén con capacidade para saír desta situación sen cambios substanciais. Sexa como sexa, canto máis avance a competición menos marxe terá o equipo para acadar, nos 21 partidos que restan, a trintena de puntos que vai precisar para evitar a catástrofe. 

Sen saírmos da división de bronce, hai que remontarse á temporada 1989/90 para encontrar unha serie tan negativa. O ferrolán José López era o adestrador e o equipo estivo entre as xornadas 19.ª e 29.ª orfo de triunfos. Foron tres as derrotas (unha delas na casa) e oito os empates colleitados que, co sistema de puntuación actual, implicarían máis puntos que os sumados no que vai de edición ligueira 2017/18, pois nesta van seis derrotas (catro delas na Malata) e cinco empates.

Nunha cousa é peor a serie de 1989/90: menos goles marcados, cinco, fronte aos oito feitos polos de Tena. Pero os de José só lograron sete triunfos naquela liga (nada máis que dous na segunda volta) e, obviamente, non puideron evitar o descenso. O Racing do presente terá que conseguir no que resta de campionato arredor de dez para fuxir da queima.

Estar máis de dez xornadas sen vencer dentro da terceira categoría da liga española non foi sinónimo de descenso na historia racinguista. Así, en 1988/89 o cadro adestrado por Jesús Tartilán estivo sen ganar nas trece primeiras xornadas da liga (o técnico lucense dimitiría tras a oitava tirada, suplido provisionalmente por Manuel Fernández Amado e logo por Luis Viñas). Porén, un lustro antes, no exercicio 1983/84, o equipo dirixido por José Antonio Saro, substituído mediada a campaña por José Ramón Arteche, estivera sen ganar entre as xornadas 2.ª e 21.ª (nada menos que 19) e, posteriormente, nas quince últimas. Por xaneiro ninguén pensaba xa noutra cousa que na seguinte temporada.

O terceiro e último descenso ao cuarto nivel das ligas españolas foi o de 2009/10, con Juan Veiga á fronte do plantel e substituído no outono por Luisito. Aquel non arroxou series adversas tan amplas, pero si suficientes como para facer imposíbel a permanencia. Estivo o Racing sen gañar nas seis primeiras xornadas, mediada a campaña alcanzou sete sen mollar e non foi quen de triunfar en ningún dos seus últimos seis compromisos.