Ideoloxía e algo máis

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL

16 ago 2017 . Actualizado a las 11:59 h.

Non vou entrar no terreo esbaradizo de se as ideoloxías teñen que ver co temperamento, coa educación familiar, coa transmisión de afectos, cos intereses de clase social... O asunto aínda está en discusión...

Vou contar o que me pasou un día sendo alcalde Couce Doce. Subía o alcalde as escaleiras do concello e acercóuselle un home chamándoo en voz alta: «Don Alfonso, don Alfonso...» E don Alfonso parouse para ver qué quería. Ao darse a volta veume a min que viña por detrás.

Aquel home díxolle sen baixar a voz: «Le felicito, don Alfonso. Y a ver si echa del Ayuntamiento toda esa porquería socialista». Este home a min non me vira e dixo o que dixo con toda a tranquilidade do mundo. Don Alfonso Couce que si me vira botou un sorriso de circunstancias e contestou: «A ver lo que se puede hacer...» Xa no vestíbulo comenteille: «Unha petición de amigo ¿non si?» Pero don Alfonso fixo como que non me escoitaba. Sentín o odio daquelas palabras.

Na Transición houbera un pacto de apartar das nosas vidas as palabras «odiosas» inspiradas na pureza ideolóxica e na intolerancia... De nada serven os pactos políticos se na sociedade fican posturas intransixentes. Se nas tabernas, nas radios, nas familias e nos chistes se promociona o desprezo e mesmo o noxo polos outros. ¿Qué razóns tiña aquel home, «amigo de don Alfonso»? Era un home por idade vivira a guerra e moita posguerra. Ben vestido. Un home que, calado e mirado a distancia, parecía boa persoa e todo un cabaleiro.