«Adiantámonos cinco anos á Lei de Memoria Histórica»

R.P.P. FERROL

FERROL

ANGEL MANSO

Xaime Bello, alcalde de Ferrol en 2002, lembra aquela noite como «de alegría cívica»

04 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Se hai un nome vencellado ao da retirada da estatua do ditador da praza de España ese é o de Xaime Bello, o alcalde que estaba á fronte do Concello naquel 2002, pero que renega do protagonismo: «Non foi unha decisión individual, senón colectiva da corporación», defendía onte.

-¿Por que se tomou a decisión de retirar a estatua?

-Quero desmontar que non houbo ningunha artimaña. Formaba parte do proxecto para crear un aparcadoiro no subsolo e a remodelación da superficie, que figuraba no noso programa electoral. Houbo un concurso e fíxose con luz e taquígrafos. E iso incluía a retirada dun símbolo franquista que presidía de maneira inxustificada a entrada á cidade dende había 35 anos. Adiantámonos cinco anos á Lei da Memoria Histórica.

-¿Como lembra aquela noite?

-Foi un símbolo, como romper co pasado e abrir unha xanela e a propia cidade. A estatua do ditador era como un muro. Non sumaba, senón que restaba. Esa noite foi un exemplo de alegría cívica, de respecto... En xeral había unha alegría colectiva. Serviu para reconciliar a moita xente.

-Fixo historia. ¿Satisfeito?

-Teño satisfacción persoal por que o nacionalismo, a primeira vez que gobernou, deixara a súa pegada sobre un símbolo que o que facía non era unir, senón desunir. Máis satisfeito estaría se se fixera o proxecto que nós contemplábamos para a praza.