«Gustaríame poder ver o Pórtico da Gloria cos ollos do Mestre Mateo»

Ramón Loureiro Calvo
ramón loureiro FERROL / LA VOZ

FERROL

josé pardo

«Para min non hai nada máis moderno que facer vivir a tradición», di Pérez Porto

03 may 2017 . Actualizado a las 13:37 h.

Aos seus 78 anos, Francisco Pérez Porto fai gala dunha extraordinaria vitalidade, dunha vitalidade case infinita. Está nun dos seus grandes momentos como creador, e sábeo ben. Alleo a toda clase de modas, afirma que o verdadeiramente importante é crear obras que poidan perdurar, conseguir crear algo que non vaia sucumbir ante o paso do tempo. E di que, como artista, sempre foi moi consciente do «valor da tradición».

-¿E que representa a tradición para vostede?

-Pois todo. Porque eu creo que é fundamental ser consciente do que significa ser galego e do que representan, en especial, as nosas orixes. Saber que é o que fixo posible que hoxe esteamos aquí. Para min non hai nada máis moderno que facer vivir a tradición. E iso, querer conservar o que nos legaron os nosos devanceiros, o que nos legou a nosa historia, en nada se contradí co feito de innovar, nin tampouco co de estar experimentando unha evolución constante. A min gustaríame poder ver o Pórtico da Gloria coas súas cores orixinais, cos ollos do Mestre Mateo.

-¿En que está traballando?

-Pois agora estou experimentando moito coas formas cilíndricas, que cada vez me interesan máis. Non me gustan as esquinas. Nin as arestas. Todo iso ten algo de violento que me resulta moi desagradable, ata desacougante. Gústanme as formas que transmiten dozura, como todas as que son verdadeiramente propias da arte galega. Esas formas que chegan a nós desde os vellos petroglifos. Nas formas redondeadas, as propias da creación galega, reside tamén, penso eu, unha maneira de mirar o mundo. Iso é algo que marcou moito, por certo, o traballo que fixen durante o meu paso por Sargadelos, nunha etapa moi importante para min en todos os sentidos, e non só como creador.

-¿Como recorda vostede a Isaac Díaz Pardo?

-Isaac era excepcional. Foi un home que fixo cousas incribles. Tamén el entendeu perfectamente qué era a tradición e que había que buscar a maneira de darlle unha nova vida, no seu caso creando cousas que ademais de ser fermosas fosen útiles. Era un home excepcional. E aínda que ás veces non o parecese polo seu forte carácter, un home extraordinariamente bondadoso.

-E a seu pai, o poeta Xosé María Pérez Parallé, ¿como o recorda?

-De meu pai acórdome sempre. E cando me acordo del, de como era e de canto fixo, dame por pensar que se tivese estado nalgún partido político, a día de hoxe xa lle terían dedicado un Día das Letras Galegas. Pero non estivo. El era outra cousa. Meu pai, á sua condición de poeta, unía o feito de ser un home bo, dunha gran xenerosidade, que xamais deixaba de acudir a calquera sitio no que o chamasen. Parallé traballou sen parar para achegar a cultura galega á xente: ao noso pobo.