Lume do ceo

Xan Rodríguez- Silvar EN POSITIVO

FERROL

28 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Quizá non haxa nada tan resistente como as lendas populares. Son historias vagas, pero todas veñen ao mesmo, dar unha explicación acaida para sucesos cotiáns, eses feitos inexplicables e odiosos, nos que non cabe en cabeza algunha que o mal veña de nós. Por exemplo o lume. Estes días de sobresaltos polos serios incendios en Ferrolterra, con sans e enfermos desaloxados das súas casas, que non se perderon grazas aos bombeiros e á sorte, tiven ocasión de escoitar a tres persoas (todas menores de 45 anos) botarlle a culpa dos lumes a «un helicóptero que voaba pola zona». A mesma lenda reproducida por xente dos anos 60, para a que o escaravello da pataca o tiraban dende avionetas, o lobo o ceibaban «os do Icona» e así.

O lume non cae do ceo, senón do inferno da desidia e dos problemas cotiáns non resoltos. A lexislación forestal non se cumpre en demasiados aspectos; a distancia de seguridade de plantacións ás vivendas de 30 metros, escasa e incumprida case sempre, supón a cada propietario afectado ter que reclamar para non ver arder a súa casa, a risco de problemas cos donos dos montes. A corta de madeira non se supervisa. Queda ao criterio de vendedor e comprador o estado final da parcela, as máis das veces cargada de toneladas de combustible para o próximo lume. E como se dicía neste xornal o mércores, as autoridades non cumpren no mantemento de pistas e estradas, favorecendo os lumes e poñendo en risco aos bombeiros e os seus equipos. Non é certo que ardan máis as zonas protexidas, o incendio da Lagoa é un ritual moito antes da Rede Natura. En Ferrolterra comeza a xestionarse o forestal con criterios máis técnicos, pero mentres predomine «a monte», queda o lume.