«Sería unha mágoa que quedaran fondos sen gastar e proxectos sen financiamento»

ANA F. CUBA ORTIGUEIRA / LA VOZ

FERROL

CESAR TOIMIL

Anxo Martínez Zas é o xerente do GDR Seitura 22, unha entidade que xestiona 3,3 millóns de euros para proxectos produtivos ou non ata 2020

28 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O economista Anxo Martínez Zas (A Coruña, 1970), máster en desenvolvemento local, traballou na Asociación Euroeume desde 2002 ata este ano, e agora é o xerente do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Seitura 22, que aglutina aos concellos de Ferrolterra, Eume e Ortegal, ademais de Vilarmaior e Miño. Convida a todos os promotores que dubidan se o seu proxecto pode optar a unha subvención do programa Leader a contactar cos técnicos da entidade, que os asesorarán tamén na tramitación.

-Por se alguén aínda non o sabe, ¿que é Seitura 22?

-É o grupo de desenvolvemento rural (GDR) que xestiona os fondos públicos do programa Leader de Galicia 2014-2020 para o territorio dos concellos que conforman o GDR 24, un órgano de participación e representación dos axentes implicados no seu desenvolvemento integral, organizado en seis mesas sectoriais: institucional, de dinamización sociocomunitaria, do sector agroforestal, empresarial e do emprego, de benestar social e do turismo.

-¿Cantos fondos manexa e como se reparten por anualidades?

-A entidade xestiona 3.274.843 euros ata a anualidade 2020. Os fondos dispoñibles para proxectos, tanto produtivos como non produtivos, na anualidade 2017 son de 563.337 euros. Para as seguintes anualidades teremos arredor duns 608.000 euros ao ano para subsidiar proxectos.

-¿Quen pode optar ás axudas?

-Os beneficiarios poden ser persoas físicas, persoas xurídicas de carácter privado -sociedades laborais, mercantís e agrarias de transformación; cooperativas, asociacións ou fundacións-, entidades públicas de carácter local ou comarcal -concellos, mancomunidades, consorcios e entidades dependentes das anteriores-, comunidades de montes veciñais en man común e as súas mancomunidades.

-¿Cales son os requisitos?

-Os requisitos básicos para proxectos que teñen un carácter produtivo son que o promotor cumpra con todas as súas obrigas legais e realice un investimento que supoña o inicio, ampliación ou modernización dunha actividade económica. No caso de proxectos non produtivos, esixirase que os proxectos teñan un interese público ou colectivo, que afecten, interesen ou beneficien dalgún xeito ao conxunto da poboación ou da sociedade en xeral, e que non supoñan o inicio ou o desenvolvemento dunha actividade económica.

-¿Cando se resolve a concesión?

-Seitura ten que facer unha proposta de axuda o 30 de xuño de cada ano para os fondos da primeira convocatoria, e o 30 de agosto, para os da segunda. Despois, Agader (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural) fará as notificacións oficiais das axudas aos beneficiarios. Os emprendedores teñen catro anos para plantexar os seus proxectos.

-¿Xa recibiron consultas?

-Estamos bastante satisfeitos co nivel de consultas, a pesar de que aínda non se rematou coa campaña inicial de comunicación. Existe unha gran diversidade de tipoloxía de proxectos e diferentes grados de maduración dos mesmos. Entendemos que nesta fase de maduración do proxecto é moi importante a comunicación directa entre as persoas emprendedoras e o equipo técnico, para poder determinar se o proxecto se pode subvencionar e ter unha adecuada tramitación.

-¿Que ocorre cos fondos que non se gasten nunha anualidade?

-Se non hai reprogramacións do cadro financeiro do que dispón a asociación, estes fondos perderíanse para o territorio. De aí a importancia da celeridade na tramitación das axudas. Sería unha mágoa que nos vexamos con paradoxos como que existen proxectos sen financiamento e financiamento que se perde e non se asigna a ningún proxecto.

-¿Cales son os principais obxectivos de Seitura 22?

-O noso principal obxectivo é poder apoiar proxectos que sexan de especial interese para o desenvolvemento social e económico do noso territorio. Alén diso, entendemos que a asociación debe servir de órgano de participación e representación dos axentes implicados no territorio, facilitando espazos de participación, que sirvan para ir redefinindo os nosos retos e dándolle resposta desde as nosas posibilidades, con especial atención ao traballo en rede e a potenciar as sinerxias entre os diferentes axentes, sectores e territorios.