Nin colonia nin champú

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL

20 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O ano Carlos Casares das letras galegas imos coñecer moitas anécdotas das pertinentes e das impertinentes. Carlos Casares era galeguista pero non era do Bloque, cousa que os do Bloque non entendían ben.

Unha das teses políticas do Bloque era a da situación colonial de Galiza. Nisto como en todo hai cousas que parecen que si e outras pois que non.

Carlos Casares enfadou moito aos nacionalistas cando dixo que Galiza non era «nin colonia nin champú». Algo semellante foi a opinión dun mariñeiro ferrolán recén chegado de Angola. O mariñeiro foi a un mitin do Bloque no Concepción Arenal e pediu a palabra ao final dos discursos, que predicaran seguido o do colonialismo de Galiza. Dun xeito tímido e nun galego non lido senón aprendido na casa contou o que vira en Angola: miseria, racismo, economía colonial pura e dura. Dixo que a palabra colonialismo lle cadraba para casos como Africa, Asia e que lle resultaba dificil falar de Galicia como colonia tendo visto o caso de Angola.

Lembro que os políticos do Bloque desviaron o tema con moitas cifras e algo de teoría política.

Cando lle contamos a Carlos Casares a anécdota do mariñeiro quedou meditando uns segundos e dixo: «Eu fun un frívolo e pagarei moito tempo a miña frivolidade. O mariñeiro era moi serio porque viña de ver a miseria colonial. Os do Bloque parecen descoñecer que os galegos lle son moi viaxados».

Despois pasamos a falar dun amigo común que morrera. Non falamos nin ben nin mal, non fora ser o demo.