«Corre Carmela que Chove» en Ferrol

POR SIRO

FERROL

siro

08 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O día que saín ao escenario do Jofre para explicar aos rapaces dos institutos quen era Amancio Prada e canto lle debiamos os galegos, ao presentarme como o caricaturista de La Voz de Galicia, no teatro escoitáronse risas e algúns aplausos; cando engadín que era tamén o guionista e director do programa radiofónico Corre Carmela que chove, as risas e aplausos foron moitísimos máis e máis fortes. Tiña que ser así porque o enorme éxito que Corre Carmela que chove acadou en toda Galicia, foi en Ferrol especial.

O éxito do programa estivo na gran calidade dos imitadores e nun guion cómico, pero veraz, que contaba o que sucedía entre as bambalinas da política, e que os espazos informativos serios non ousaban comentar. Falo en pasado porque o 13 de abril Radio Voz emitiu o derradeiro programa de Corre Carmela que chove e o grupo desapareceu para sempre, polo que vou pagar a débeda de gratitude coa fiel audiencia de Ferrol, contando algunhas anécdotas vividas ao longo de tanto tempo.

En 1994 a Xunta concedeunos o Premio Galicia de Comunicación ao mellor programa radiofónico, que se nos entregou no Gran Hotel da Toxa, nunha cea de gala, con asistencia do Goberno. Cando Xacobo Pérez falou coa voz de Fraga e deixou escapar un breve choro, todos os asistentes estouparon nunha gargallada, e Fraga, timidísimo, tapou a cara coa servilleta.

Moisés Morales facía unha imitación tan perfecta de monseñor Rouco, que chamamos a Manoel Espiña, coengo na colexiata da Coruña, e falaron varios minutos sen que Espiña sospeitase que o interlocutor non era o bispo. Ao sabelo, veu á emisora para coñecer e abrazar a Moisés. Pero o incrible foi cando recibimos o primeiro disco de Santiago Rouco, un albanel que interpretaba, con voz nasal, cancións disparatadas que el mesmo compuña, e ocorréuseme poñelo cada semana e dicir que era monseñor Rouco. Pasado algún tempo, o crítico musical José Ramón Pardo contoume que varios oíntes galegos o chamaran, indignadísimos, ao programa que facía en Madrid, porque aquel cantor que el anunciaba como Santiago Rouco era monseñor Rouco Varela, arcebispo de Compostela.

No Ano Santo de 1999, na emisión en directo dun programa sobre o peche da Porta Santa, feito na Praza da Quintana con megafonía, oiuse o bruído dun helicóptero no ceo e Xacobo anunciou, coa voz de Paloma Gómez Borrero, que o Papa Juan Pablo II estaba chegando a Compostela. A xente que facía cola para entrar na catedral deixou de andar, e Xacobo falou coa voz do Papa: «Gallegos de la Galicia. La mía bendicione papale...». Os fieis, pasmados, seguían esculcando o ceo, sen moverse, e Xacobo seguía falando. A Porta Santa pechou e moitos fieis non entraron. Algunha prensa criticou a insensibilidade das autoridades eclesiásticas.

Cando Alberto Núñez Feijoo só era o líder do PP quixo asistir como invitado ao programa e fixémoslle unha encerrona, someténdoo a un peculiar , cunha serie de preguntas tan divertidas como comprometidas.

Feijóo respondeu a todas con moito enxeño, pero ao rematar comentou: «Se me escoitan en Génova, non son candidato». Meses despois presidía o Goberno Galego e en Corre Carmela que chove empezamos a imitalo.

En Ferrol actuamos sete veces, para participar nas homenaxes a Manuela e Miguel; invitados polo Concello; polo Diario de Ferrol; e a última pola nosa conta.

En todas o público estivo con nós dende o primeiro momento, pero o 17 de xuño de 1996, co Jofre de bote en bote, mirei o reloxo e quedei pasmado: levabamos dúas horas e cincoenta minutos no escenario, e a xente seguía rindo a gargalladas, caendo a un lado a outro da butaca, sen poder manter a verticalidade.

Tres horas durou aquela actuación, que non esqueceremos nunca. Aquela foi tamén a primeira vez que colaborou con nós o ferrolán Antonio Ruibal Gómez, Caruso, cunha imitación de Franco, que o mesmo Franco aplaudiría.

siro@siroartista.com