Valdoviño programa un festival das Letras na Casa da Cultura

a.f.c. VALDOVIÑO / LA VOZ

FERROL

Cariño homenaxea mañá con música ao poeta Xosé María Díaz Castro

16 may 2014 . Actualizado a las 13:20 h.

A actividade cultural intensifícase ao longo de todo o mes de maio no Concello de Valdoviño. A Asociación Cultural e Recreativa A Frouxeira encárgase de organizar o Festival das Letras Galegas, programado para o domingo, ás 18.30 horas, na Casa da Cultura da localidade. A seguinte proposta cultural chegará o día 23, cunha sesión do programa Ler conta moito, da Xunta de Galicia, que presentará o espectáculo Miro Margariños en Merlos, dirixido ao público familiar. Ese mesmo día celebrarase un obradoiro de risoterapia, para os rapaces.

En Cariño as actividades organizadas por mor do Día das Letras Galegas arrincaron onte, cunha actividade moi divertida, Maxia cómica, para os alumnos de Infantil e do primeiro ciclo de Primaria. E continuarán mañá co tradicional festival. Cariño homenaxea ao poeta Xosé María Díaz Castro coa música de intérpretes e agrupacións locais. Intervirán a Rondalla de Cariño, a Escola de Música de María Luísa Novo, os grupos de baile tradicional Bolboretas e Treboada, Poldo e Rafael, e o cuarteto de gaita e percusión da Asociación Folclórica San Xiao do Trebo. A entrada ao auditorio municipal, onde se desenrolará, desde as 17 horas, é de balde.