A fábrica de Xuvia (I)

POR SIRO

FERROL

siro

02 feb 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Vou polo atallo ao recordar as etapas deste espléndido complexo industrial, que naceu en 1803, á beira do río Xuvia, para atender as necesidades da Mariña.

Antes houbera que facer instalacións, empezando pola canalización do río e o encoro, que, por servir á que sería real fábrica, coñecémolo como a Presa do Rei, onde eu me teño bañado de neno. Construíranse tamén talleres e oficinas, e o conxunto residencial formado por vivenda do director, capela, xardíns e embarcadeiro. Dous anos despois suspendíase a produción pola perda de gran parte da flota española en Trafalgar; en 1809 transformouse, con pouco éxito, en fábrica de fusís; en 1811 pasou a ser Fábrica de Moeda, e funcionou ata o 1868. En 1873 o conxunto industrial e a finca de 300.000 metros cadrados saíron a subasta e adquiriunos o marqués de San Eduardo, quen puxo en marcha unha fábrica de tecidos, que tres anos despois vendería a un ferrolán valleinclanesco chamado Francisco Barcón y Quevedo.

Malia a distición dos apelidos e nacer nunha vivenda fronte a Capitanía, Francisco Barcón y Quevedo era de familia humilde; tanto, que aos dezasete anos saiu do peirao do Seixo, con outros aventureiros coma el, con destino a Cuba. Tardaron meses en facer a travesía, que recorda as das actuais pateras, pero chegaron, e Barcón fixo as Américas.

Empezou traballando nunha empresa azucareira, e pasou a dirixila cando casou con María Luísa del Carmen de Alba y Sanmartín, filla do propietario e cubana guapísima, coa que tivo catro fillos.

Empezaban na illa os enfrontamentos cos grupos independentistas, polo que Barcón, con fervor patriótico -e en defensa dos propios intereses-, se enfrontou aos insurrectos cun exército que creou e costeou. Perdeu un ollo combatendo, pero o Goberno español deulle rango militar e ascendeuno a Teniente Coronel, ademais de nomealo Cabaleiro da Gran Cruz de Isabel a Católica, dúas veces Benemérito da Patria, e concederlle varias medallas militares.

Quedou viúdo e casou con María Luísa Horta, cubana de orixe galega, que morreu xove, pero tivo tres fillos. Barcón volveu a Ferrol con coarenta e catro anos e sete fillos que coidar, así que casou coa curmá, Ubalda Juana Nepomuzeno Sandino Barcón, que lle deu outros tres e atendeu a todos.

Non tiña idea de fabricar tecidos, pero trouxo técnicos cataláns e a máis moderna tecnoloxía, co que Sociedad Textil Barcón y Cia se converteu na máis importante de Galicia. Deu traballo a moita xente, sobre todo mulleres, polo que seguiu tendo fillos, agora fóra do matrimonio; pero, home piadoso, deulles o apelido e no interior da fábrica ergueu unha capela oratorio a san Gualberto, que fóra home de armas coma el.

Tamén construiu a igrexa de Santa Rita en memoria da filla, Rita, morta aos 21 anos.

Barcón promoveu o tranvia Ferrol-Neda; levou a electricidade a Xuvia e a Neda, antes que a tivese Ferrol; mercou os xornais Diario Ferrolano e El Correo Gallego; e, presionado polos amigos, aceptou a xefatura do Partido Conservador en Ferrol.

A vivenda na finca era unha gran mansión que acolleu á raíña María Cristina, Alfonso XIII, o Marqués de Amboaxe, Primo de Rivera, o bispo de Mondoñedo e o comandante Francisco Franco, que durante un tempo moceou coa filla Ángeles, ata que o petrucio cortou a relación, quizais porque non lle vía futuro ao comandantiño.

siro@siroartista.com