«A ría do Barqueiro é unha trampa para os cetáceos»

Juan Ignacio Díaz da Silva, técnico do Cemma


Os varamentos masivos (máis de tres exemplares) de caldeirón tropical producidos na ría de Bares O Barqueiro (Mañón) en 1998 e hai tres semanas constitúen unha magnífica fonte de coñecemento para a comunidade científica. E tamén permitirán fixar unha mellor estratexia de actuación ante futuros casos, asegura Juan Ignacio Díaz da Silva.

-Os varamentos masivos de cetáceos son excepcionais...

-En Europa non son frecuentes, pero si en Australia. E alí non varan 20 caldeiróns, senón 100; teñen protocolos, unidades móbiles, e saben como actuar, que animal atender primeiro. Nos últimos 20 anos nesta zona houbo varamentos masivos de cachalote pigmeo, en San Xurxo, de golfiño común na enseada da Malata, de golfiño riscado no Barqueiro, esta ría é unha trampa para os cetáceos...

-¿Cales foron as causas da varada de caldeiróns en Bares?

-Eran catro machos e 18 femias. Non tiñan nada de alimento no estómago e todos, salvo unha cría nacida este ano, tiñan parásitos nos senos dos oídos, causa que se relaciona cos varamentos masivos (por certo, unha femia tiña un feto duns 30 centímetros). E as defecacións eran de bilis. Hai unha poboación estable e numerosa entre Azores e Canarias e outra ao este de Estados Unidos, que se podería ter trasladado aquí usando como fío condutor a propia corrente do Golfo, augas cálidas. Están afeitos a alimentarse en zonas moi concretas e cando migran por algunha razón non se alimentan. As mandas son matriarcados, cunha estrutura social moi forte. Non vararon en batería, senón en piña, todos xuntos nese momento final...

-¿Cre que sufriron?

-Parece que non porque hai unha glándula que se hincha en situacións de estrés e non o estaba. Pero tiveron que sufrir polo efecto de tracción, ao arrastralos.

-¿Axudará a coñecelos mellor?

-Si, neste varamento fixéronse necropsias moi completas, estudos de dentición, recolléronse mostras xenéticas e hai moitos documentos gráficos que nos van servir para estudiar o seu comportamento, cal varou primeiro, porque era coma se un dixera ?agora? e collían carrerilla... As poboacións de Canadá e Estados Unidos están fotoidentificadas, poderemos cotexar datos e con iso imos saber de forma inmediata de que grupo proceden. Os caldeiróns que sobreviven a un varamento tenden a volver a varar, quen sabe se non sería algún dos que se salvaron no 98.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos

«A ría do Barqueiro é unha trampa para os cetáceos»