Paco Balón, ante a historia


Paco Balón, que é como el quería sempre que lle chamasen -e como de feito se chamaba a si mesmo no título das súas memorias (Paco Balón: Memorias de un comunista ferrolano, libro publicado por Edicións do Castro)- habita, desde o venres, iso que nós chamamos morte. E xa ten, polo tanto, como único espello, a historia, que sen dúbida será a que verdadeiramente saiba valorar o labor dos que, coma el, coma Julio Aneiros ou coma Rafael Pillado, consagraron a súa vida a loitar contra a ditadura do xeneral Franco cando media España agardaba impaciente pola chegada dunha liberdade que xamais daba chegado. Entre as organizacións que veñen de dar a coñecer o seu pesar pola morto do antigo dirixente comunista están Comisións Obreiras, a Asociación Fuxo Buxán e Esquerda Unida. Nacera, Paco, en 1929, e sendo case un neno entrara a traballar, como aprendiz, na Bazán. Desde moi novo participou na actividade clandestina do Partido Comunista, no que acabou por xogar un papel fundamental tanto en Galicia coma fóra dela. Pero cando por fin chegou a democracia a España, decidiu pasar a un segundo plano. Francisco González Vidal (ese era o seu verdadeiro nome) non quería, para si mesmo, nada. Parece que foi onte cando mantivemos unha longa conversa arredor da escritura das súas memorias, que viron a luz en edición anotada por Víctor Santidrián. Entre os seus primeiros recordos da infancia estaba o horror da guerra civil. «Eu vivía no Alto de Balón -contaba Paco-, e desde alí escoitabamos os tiros. Estaban fusilando na Punta do Martillo, no Arsenal de Ferrol. E tamén nos muros de Cemiterio Vello de Canido. Miña nai -lembraba el- choraba, vendo que mataban os veciños. Nós eramos nenos, pero moi conscientes do que acontecía daquela. Lémbrome doutra ocasión na que eu ía coa miña avoa aos berberechos -contraba, tamén, Paco- e nos cruzamos cun camión que volvía de San Felipe e ía cara ao cemiterio. Viña regando a estrada de sangue. Aquel camión ía cargado de mortos».

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos

Paco Balón, ante a historia