Con Casares en Ferrol


Ferrol

No ano 1973 Carlos Casares e eu fixemos unha colaboración no xornal La Región, de Ourense: eu debuxaba a caricatura dun personaxe de actualidade, e el poñíalle un texto. Durante dous anos saiu a sección «Con esta lupa», o primeiro espazo de política internacional en galego.

A comezos do 74 acordamos facer unha carpeta conmemorativa dos 25 anos da Editorial Galaxia, que se cumprirían no 75, coas caricaturas e semblanzas das persoas que a crearan; pero o proxecto non foi adiante porque el non escribiu os textos. Fíxenos eu no 80, e Galaxia conmemorou os 30 anos de existencia cunha carpeta, que titulei «Coas raíces na terra», prologada por Casares, que veu presentala a Ferrol. Haberá quen recorde aquel acto en Caixa Galicia, no que Carlos provocou as gargalladas do público durante sesenta minutos, contando anécdotas divertidas e maliciosas dos caricaturizados. Porque eso era o que máis lle gustaba a Carlos Casares: falar e facer rir, poñendo un chisco de sal e pementa no que dicía.

Ao pouco de casar con Kristina Berg, viñeron os dous pasar uns días en Ferrol, na miña casa, e cascoume unha trola. Falabamos das viñetas de Forges e díxome que o personaxe calvo, narigón, chepudo e cegato que aparecía nos debuxos era o cuñado de Forges. El coñecíao porque Forges llo presentara. Moitos anos despois, xa morto Casares, Forges díxome que tiña mágoa de non chegar a coñecelo porque os amigos que o trataran coincidían en que era un personaxe entrañable e divertidísimo. No decorrer dos anos rin a fartar coas anécdotas de Casares, e comprendín que cando as adoviaba ou argallaba, non mentía; facía literatura. Con todo, o que de verdade lle gustaba era contar situacións insólitas, collidas da realidade.

Un día do ano 1981, en Ferrol, reloucaba por contarme algo, e contoumo. El e Alfredo Conde eran deputados independentes co PSOE no primeiro Parlamento galego. Alfredo tiña que intervir como orador, pero pasara a noite sen pegar ollo, cunha dor tremenda no recto. Notábaselle no rostro o sufrimento, e o presidente Fernández Albor, médico de profesión, decatouse dende o seu escano. Foi onde Alfredo, preguntoulle que lle pasaba e cando se enterou díxolle:

-Imos ao baño. E foron. Alfredo baixou os pantalóns, apoiou as mans na parede, abriu e dobrou as pernas, e Albor, de xeonllos, explorouno. Alfredo, consciente da situación, comentou: -Mira que se entra alguén e nos ve? E Albor, discutible como presidente, pero boísima persoa, respondeu: -¿E que? O máximo que poden dicir é que somos maricóns.

Alfredo tiña unha fístula tan enorme que Albor o mandou á clínica da Rosaleda, para operalo; pero Alfredo cometeu o erro de volver ao escano e contarlle a Casares o que pasara. Días despois sabíase en toda Galicia.

Alfredo, Casares, Xaquín Marín e eu fomos xurados dun certame literario e artístico, e no xantar, pregunteille a Alfredo que había de certo naquela historia. Repetiu exactamente o que Casares me contara. Aparentando total inocencia, volvín preguntar: -¿E como se soubo? E Alfredo, feito unha chispa, sinalou a Casares co dedo, e berrou: -¡Contouno este!

Casares ría, raposeiro, en baixiño, mentres Alfredo botaba pestes contra el.

Nunca o perdoou, e no libro Conversas con Alfredo Conde, de X. M. del Caño, narra aquel encontro con Marín e comigo, e ataca a Casares con saña.

siro@siroartista.com

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos

Con Casares en Ferrol