«Dous mandatos son suficientes para calquera político»

Rocío Pita Parada
Rocío Pita Parada FERROL / LA VOZ

FERROL

ANGEL MANSO

O concelleiro denuncia a falta de busca de consenso do goberno local

03 feb 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Traballador do naval, concelleiro por Esquerda Unida en Ferrol dende o 2007 e dende hai semanas, novo voceiro do seu grupo municipal, trala marcha ao Parlamento galego de Yolanda Díaz. Francisco Javier Galán Pérez (Ferrol, 1960) vive a política dende os trece anos, pero garante que a súa etapa na primeira liña rematará neste mandato.

-¿Haberá un antes e un despois de Yolanda Díaz?

-Levaba tempo encabezando a candidatura e sabíamos que tarde ou temprano daríase o que se deu, e que habería que tomar o relevo. Pero tamén teño claro que o meu paso por aquí vai ter un fin, e eu creo que máis próximo que tarde, porque son dos que cren, e vouno cumprir, que dous mandatos son suficientes para que calquera home ou muller pase pola política.

-¿Por que?

-Sempre pensei que cando un se acomoda a certos postos ao final se ve o que está xurdindo no Concello, en toda Galicia e no Estado español, que se poden dar certos temas de corruptelas e de acomodamento. Un xa controla a vida municipal e parece que o sabemos todo. E todas as formacións políticas deben ter un grao de renovación. Son contrario á perpetuidade de certos cargos.

-¿Que papel pode xogar e que peso ten IU nesta corporación?

-Peso, o que nos deron as urnas, que son dous concelleiros. O que si teño claro é que o traballo que nos deixan é ben pouco. O único que facemos é denunciar as prácticas que está a levar este goberno de maioría absoluta, que non está a buscar consensos, como dixo o alcalde. Eles se basean en que teñen 14 votos, porque non vale dicir que teñen so 13, porque IF está votando continuamente a favor das posicións do PP, e non é de recibo o que están a manter.

-¿Que problemas se atopa para realizar o seu labor?

-Fundamentalmente, a falta de información. Nós a estamos reclamando continuamente nas comisións e non se nos dá. E moitas veces a información chega antes aos medios de comunicación que á propia oposición.

-¿Cre que o discurso dos voceiros municipais no pleno conecta coa xente da rúa?

-Nos plenos temos que ser máis concretos. Ás veces nos quedamos en discursos moi por enriba que non chegan á cidadanía. A min me gusta ser concreto, e dicir ao pan pan e ao viño viño. Non sei facer literatura: eu falo, digo, protesto e pido explicacións moi directamente.

-¿Entende que os colectivos protesten ante o pleno?

-É certo que hai xente do PP e doutros partidos que di que se nós somos a organización que entende que isto pode ser un manifestódromo. Nós non consideramos iso, senón que no Concello e noutras institucións están os representantes dos veciños. E cando non están contentos, entendo que vaian manifestar o seu descontento, o que non quere dicir que se interrumpa, que haxa vandalismo, etc., pero entendemos perfectamente que haxa esas manifestacións de repulsa.

-¿Como cre que estará Ferrol ao final deste mandato?

-Pensei sinceramente que este goberno municipal sería capaz de facer algo positivo por Ferrol. E a verdade é que están facendo o mesmo que o señor Feijoo ou o señor Rajoy, que en seis meses fixo tantas cousas negativas para a poboación e os máis febles para a sociedade que parece que leva moito tempo. Nos dá a impresión de que se van centrar en grandes obras e van deixar as que realmente teñen importancia, como o rebacheo da cidade ou o mantemento de xardíns. Van gastar un millón de euros na praza de España, se modifica o proxecto do Raíña Sofía... E nestes momentos o que necesita o cidadán son as cousas que se viven no día a día.

-Coa imaxe xeneralizada de desprestixio dos políticos, ¿dan ganas de marchar?

-A min dame ganas de máis, de seguir pelexando, sexa ou non concelleiro. Porque non é certo que sexamos todos iguais. Quen o está a dicir é quen se está a acomodar con esas situacións de corruptelas que se están dando como algo natural. E a política ten que ser algo completamente diferente. Eu sigo crendo na política, na honestidade das persoas, e no quefacer dun bo político cos seus cidadáns.