Unha proposta de viabilidade social para Ferrolterra


Ferrolterra ven sufrindo un grave deterioro económico e social dende hai máis de 25 anos. Todo comezou coa primeira reconversión imposta dende a UE en 1984. No ideario colectivo dos ferrolterráns maiores de 50 anos permanece aínda nidia a puxanza, a mobilidade social, o dinamismo, a alegría de vivir que nos enchoupaba naquela altura.

Aínda que é certo que os estaleiros españois non eran en xeral competitivos impúxose dende a UE como condición, entre outras lesivas para o noso país, a redución da capacidade produtiva a Astano, impedíndolle construír buques, malia ser o estaleiro público civil con maiores éxitos tecnolóxicos e menores resultados negativos en termos relativos. O impacto social foi gravísimo. O desconcerto e o pesimismo ficou impreso dende entón no carácter dunha grande parte dos ferrolterráns, malia que Bazán seguía viva, aínda que cada vez con menor capacidade de xeración de emprego.

A cidade e a súa contorna dependían naquela altura case exclusivamente do naval. Non había nin un só polígono industrial, non había autoestrada, non tíñamos porto exterior e o ferrocarril entraba na cidade, como agora, por unha liña propia do século XIX. Non tíñamos tampouco hospitais públicos de calidade nin campus universitario.

Os distintos programas de axuda e institucións creadas para recolocar a parte dos excedentes de Astano no proceso da mentireiramente chamada reconversión foron un fracaso porque non podía ter outro fin. A maioría dos investidores que acudiron aos distintos programas de incentivos non eran outra cousa que ou iluminados inocentes sen experiencia empresarial solvente, ou aventureiros e especuladores caza subvencións. Ferrolterra está nunha esquina do mapa cunha posición marxinal nos tráficos terrestres e carecía de incentivos de localización, infraestruturas, servizos avanzados, man de obra cualificada fóra do naval, etc. Os que viñeron de fóra fixérono sobre todo atraídos polos substanciosos incentivos e ao pouco tempo a maioría entraron en problemas e desapareceron ou están con graves ameazas. Sei do que falo porque vivín na miña propia experiencia ese proceso.

Durante os anos noventa e os primeiros deste século Ferrolterra tivo un grande avance. Chegou a autoestrada, construíuse o porto exterior, polígonos industriais, consolidáronse a Universidade e o complexo hospitalario do Marcide. Na construción naval Astano entrou con problemas e acabou consolidando a súa posición no esixente eido offshore e Bazán, rebautizada como Izar, acadou os seus mellores anos de actividade cos contratos para as armadas norueguesa e australiana. Cobrou novo pulo o sector auxiliar da construción naval que acometeu ademais estratexias de diversificación de negocio e entrada en novos mercados. No ano 2005, o estaleiro de Fene, malia ter desenrolado con éxito produtos propios con boas previsións de negocio sofre un segundo proceso de axuste que elimina case toda a súa plantilla e proporciona un novo golpe ás auxiliares que malia todo son quén de superar este novo trauma procurando actividade fóra. Case todo o novo tecido industrial creado con axudas públicas sen relación coa industria naval pechou, ou está a pasar por graves problemas.

O pasado tennos ensinado que só a industria naval permanece en Ferrolterra. Os estaleiros e a súa industria auxiliar é o noso. É o que sabemos facer e só precisa dunha reorientación e dun novo impulso político. Temos as infraestruturas os medios e o coñecemento, está aberta a colaboración cada vez máis intensa coa Universidade... Quedan cousas por facer, mellorar a capacidade de xestión, aumentar a produtividade, conseguir unha reorganización de Navantia a través dunha estrutura matricial territorializada, aumentar a unión entre auxiliares e principal e entre os sindicatos e o empresariado, avanzar no convencemento de que a posta en común de información e a colaboración é sempre mellor que a confrontación como vía de solucionar conflitos.

O sector naval ten futuro. Os nosos competidores franceses, daneses, holandeses, alemáns sábeno. Están a levar os nosos profesionais cualificados, os soldadores, os enxeñeiros que saen das nosas escolas. Os ferrolterráns temos dereito a ser partícipes del pero neste intre só nos poden abrir as portas do futuro os políticos. Teñen que remover os atrancos, principalmente os financeiros diante da UE. A industria naval, como sector estratéxico non pode aturar custes de financiamento superiores á súa rendibilidade e posibles axudas gobernamentais vía xuros non poden ser consideradas ilegais. Temos que esixir a construción xa dun novo dique con capacidade para atender as necesidades dos operadores do mercado gaseiro e esixir a retirada do veto a calquera caste de construción civil no estaleiro de Fene e, se non fora posible a curto prazo, temos que comezar a preparar infraestruturas e persoal para operar nos eidos de futuro a partires de 2015.

A construción naval civil no eido offshore e as reparacións e seguir a loitar por novos contratos militares no ámbito internacional. Se así o facemos teremos conquistado o futuro sendo fieis ao noso pasado. Esa é a única forma de facelo con seriedade.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos

Unha proposta de viabilidade social para Ferrolterra