Máis sobre aquela censura

POR SIRO

FERROL

25 mar 2012 . Actualizado a las 08:00 h.

Para salvarnos a alma os censores relixiosos tivéronos vinte anos sen ver a película La dolce vita, de Fellini, que o xornal do Vaticano, L?Osservatore Romano, calificara de obscena. Cando a vin en Ferrol, no 1980, non atopei a obscenidade por ningures, quizáis cegado pola beleza esplendorosa de Anita Ekberg. Tamén tivemos que agardar dezaséis para ver Viridiana, de Buñuel, gañadora da Palma de Ouro no Festival de Cannes, do 1961, que o Vaticano calificou de impía. Aínda que Viridiana me parece unha boísima película de principio a fin, con toques de xenialidade nalgunhas secuencias, comprendo que desde a sensibilidade católica poida resultar provocadora e escandalosa. O que non entendo é que se prohibise El último tango en París, e menos aínda que millóns de españoles fosen en viaxes de fin de semana a Perpignan ¡¡¡para vela en francés!!! Nin que en Qué verde era mi valle, de John Ford, unha das películas que me fixeron afeccionado ao cine, a censura suprimise no diálogo unha alusión á capela evanxélica, porque na España dos anos coarenta non se podía mentar máis relixión que a católica.

Os mellores censores eran os que tiñan rabo de palla, como aquel que tachou nun guión de Berlanga unha vista aérea da Gran Vía madrileña porque -dixo- «tratándose de Berlanga, es capaz de poner a un obispo saliendo del Pasapoga». Para quen non o saiba, aclaro que Pasapoga Music Hall foi unha sala de festas moi elegante, coñecidísima en España e Europa.

Co mesmo troquel deberon de facer a aqueloutro censor que obrigou ao productor Elías Querejeta a trocar o título da película La caza del conejo, porque eso de la caza del conejo podería interpretarse como la caza del órgano sexual femenino. O certo é que o título pasou a ser La caza, que está moito mellor, e que a película, dirixida por Carlos Saura, no 1965, foi un éxito.

A censura política non demostrou máis luces que as censuras moral e relixiosa, de aí que en La túnica sagrada suprimiuse a frase «el discípulo sentado a la izquierda de Jesús» e que en Historia de la frivolidad se eliminase unha alusión ao Premio Nobel porque só se concedía a xudeos e masóns.

Nos anos setenta a censura sobre actividades culturais exercíana os gobernadores civís, dando ou negando os permisos; e hai que dicir que en Ferrol se bateu o record de prohibicións absurdas, das que eu podo dar testemuña por experiencia persoal. Cando a Sociedad Artística Ferrolana creou a vocalía de cultura galega, a directiva invitoume a facerme cargo dela, e aceptei. O primeiro que fixen foi un curso de galego no instituto Concepción Arenal, e tentei arranxar un ciclo de conferencias, no que os primeiros conferenciantes serían Marino Dónega, secretario da Real Academia Galega, e o coñecidísimo escritor Carlos Casares. Desautorizaron as dúas. O presidente da SAF, Robustiano Fernández Ballesteros, comandante xurídico da Armada, fixo as xestións oportunas para saber por que dous señores que impartían conferencias en toda Galicia e en toda España non podían facelo en Ferrol, e a resposta deixouno abraiado: a brigada social de Ferrol recomendara a denegación dos permisos porque Marino Dónega fora o secretario das Mocidades Galeguistas en 1936, e Carlos Casares era un individuo ideolóxicamente perigoso, que, ademais, estaba casado cunha sueca.

siro@siroartista.com