Xa saben o do que foi apuntarse a un curso para árbitros de fútbol, e o funcionario que o atendeu berroulle a un compañeiro: «¡Manolo, tómalle os datos a este fillo de puta!» O aspirante a árbitro rebotouse e protestou: «¡Oia, como se atreve a chamarme fillo de puta!» E o funcionario, sen alterarse, volveu berrar: «¡Manolo, non veñas que este non vale!».
Os profesionais de cine e TVE que sufriron a censura por razón da moral sexual, coinciden en sinalar como conditio sine qua non do censor a de ser un reprimido. Franco ía máis aló. Nunha ocasión preguntoulle a un realizador que lle daba as queixas dos censores: «¿Conoce usted a algún censor que no sea tonto?» No ano 1974 Chicho Ibáñez Serrador foi nomeado Director de Emisións de TVE. Aos dous días chimpou a don Paco, o censor que ollaba a pantalla desde varios ángulos para comprobar que non se vía nada indebido baixo un escote feminino, e aos dous meses dimitiu.
A censura relixiosa era outra cousa.
O caso máis interesante é o que, por inxerencia directa do reverendo Santos Beguiristain, relixioso do Ministerio de Información e Turismo, sufriu Félix Rodríguez de la Fuente co programa Planeta azul, no ano 1971, cando falou de Darwin e da Evolución. Prohibíuselle pronunciar a palabra «evolución» ante as cámaras, e no programa adicado á mar, a censura cortou dúas frases: «el mar, cuna de la vida» e «los cetáceos, mamíferos marinos que regresaron al océano». Ademais cambiouse a emisión a un día e hora de menor audiencia.
Pero houbo curas en TVE que deixaron grato recordo, como o padre Federico Sopeña, tan sabido en música e arte; e, sobre todo, o padre Mundina, el cura de las plantas, aquel homazo que falaba amorosamente de «las plantitas» con marcado acento catalán.
A mediados dos anos sesenta o televisor non estaba ao alcance de moitos ferroláns. O prezo ía das 20.000 ás 30.000 pesetas, segundo as pulgadas e as marcas, e era normal pagalo con doce ou vintecatro letras mensuais. No 1966 os deliñantes de Bazán cruzaban os dedos para ir cedidos tres meses a Astano, porque gañarían para mercalo, cartos en man. Daquela apareceron na cidade algúns técnicos que facían televisores, sen marca, pero máis baratos.
E sen embargo, a mediados dos setenta, as familias de Esteiro que marchaban a Caranza, levaban frigoríficos, estufas e televisores que Pepe Santos Gilabert lles vendía, coas maiores facilidades, na tenda de electrodomésticos que montara no baixo, onde o pai tivera a barbería. Estouno vendo: pequeno, loiro, traxeado en azul, o brazo esquerdo atrofiado e pegado ao corpo, dicíndolle a algunha veciña: «Leva a estufa, que en Caranza fai frío; e leva o televisor tamén, que non estás afeita a vivir nun piso alto e vas pasar moito tempo na casa. Leva todo e págamo como poidas». E pagábanlle como podían, que sei de quen lle pagou un televisor con mensualidades de 25 pts.
Pero como vendía moitísimo, subiu como a escuma e converteuse nun pro home da cidade, con presencia na corporación municipal e en Caixa Galicia. Ata que empezaron a chegar letras impagadas -non precisamente das familias humildes-, e un día o Banco Simeón embargoulle todas as propiedades. Foi a xuízo e gañou, o banco recurriu e o caso chegou ao Supremo. A causa nunca chegou a verse.
Pepe morreu no 1998, pero aínda hai moita xente que o recorda con cariño.
sirolopezlorenzo@yahoo.es