Cousas que xa non hai (III)

POR SIRO

FERROL

FERROL
siro

15 ene 2012 . Actualizado a las 07:04 h.

Simpatizo co movemento feminista que naceu na transición, malia os excesos dos primeiros tempos, que eu mesmo aturei nunha conferencia da xornalista Ana Liste no Ateneo Ferrolán.

Cando entrei no Ateneo había unhas trinta mulleres falando en grupos, que responderon ao meu saúdo torcendo a cara para non verme. Eu era o único varón entre tanta femia, así que me acheguei a Ana e estivemos xuntos ata o comezo do acto. Entramos os primeiros no salón, acompañeina ao estrado e ocupei un asento na primeira fila, á dereita do corredor central. Ana empezou a falar, e eu tiven unha sensación rara. Mirei atrás e vin que todas as mulleres sentaran á esquerda do corredor e me deixaran so, absolutamente aillado, como se me abandonase o desodorante.

Eran os anos en que a americana Shere Hite escandalizaba a Europa co seu informe sobre a sexualidade feminina, no que denunciaba que un trinta por cento das mulleres non acadan o orgasmo durante o coito, pero si coa masturbación. Anos en que circulaba por Ferrol a traducción pirata do Manifesto para a castración dos homes, escrito pola americana Valerie Solanas, que no ano 68 disparara e ferira gravemente a Andy Warhol. A portada daquel libro, cun par de ovos e unhas tesouras abertas entre eles, daba arrepío. Eran anos en que Lidia Falcon se liaba a labazadas dialécticas cos seus interlocutores nas tertulias de TV, por progres que fosen, aínda que lle desen a razón, porque eran homes.

Lidia Falcón, Cristina Almeida e Cristina Alberdi viñeran falar a Ferrol, invitadas polas primeiras feministas da cidade, como Anxos Barcia, Reme, Ofelia e Sari Alabau; e volveron traídas por outras máis novas como Paloma Rodríguez, Chus Díaz Anca, Lilí Cervera e Guegué Couto.

A min paréceme que antes deste feminismo asociativo, militante e vindicativo houbo outro menos consciente, pero efectivo, que agromou coa chegada a España das medias de cristal no 1953. Aquelas mozas heroicas, das que falei noutro artigo, que no ano sesenta ousaron entrar sen compaña de varón no Buenos Aires para tomar unhas tapas e unhas cuncas, entre as aldraxes que desde a barra lles dirixían uns clientes abraiados por tanto descaro, protexíanse coas medias de cristal que lles facían pernas de cine; vestidos e abrigos de cores ledas, e a maquillaxe que salientaba a súa beleza. E cando Mary Quant lanzou a minifalda a comezos dos sesenta, a emancipación da muller foi imparable. Con medias de cristal e minifalda, as mulleres empezaron a fumar, beber, dicir tacos, sacar os homes a bailar e levalos á cama. Faltáballes poñer os pantalóns, e fixérono nos setenta.

Todo eso é historia e hoxe xa non hai quen negue a valía da muller, nin o labor realizado polo movemento feminista. Non hai quen sosteña que o feminismo é cousa de feas, resentidas e lesbianas. Por eso non entendo que cando, recentemente, se disparou «a prima de riesgo» e Pinto & Chinto a representaron nunha viñeta como unha matrona musculosa e malencarada que ollaba desafiante a un intimidado Zapatero, unha agrupación feminista de Vigo os acusase, nada máis e nada menos, que de «contribuír á infravaloración e desprezo das mulleres» con imaxes «que son as que seguen favorecendo a aparición e proliferación de conductas e actitudes violentas contra as mulleres».

Pareceume volver a aquela conferencia do Ateneo, que, por certo, se titulaba A bruxería en Galicia.

sirolopezlorenzo@yahoo.es