«Tería un cara a cara con Castelao, Rosalía e Madame Curie»

f. fernández FERROL / LA VOZ

FERROL

Bello está xubilado como mestre, pero non como político; propón subir impostos e recuperar as axudas aos bancos

10 nov 2011 . Actualizado a las 12:50 h.

Xaime Bello Costa (Narón, 1950) foi alcalde de Ferrol, vicepresidente da Deputación e ultimamente simplemente un profesor xubilado de Ciencias da Natureza, ata que o BNG rescatouno para competir polo Senado.

-¿Ten aínda tics de mestre?

-Pois si, para explicar as cousas tardo bastante máis tempo...

-Como se estivera ditando.

-Exactamente, fas unhas pausas onde non é preciso... Arrastras esa deformación profesional, neste caso eu diría máis ben formación profesional.

-Agora que está de moda, ¿con quen lle gustaría facer un cara a cara?

-¿Na vida política ou profesional?

-Política, política.

-Claro é que na vida profesional tería un cara a cara con Castelao, con Rosalía, con Madame Curie, serían extraordinarios. Pero en política posiblemente con Felipe González para preguntarlle polas súas decisións sobre a Unión Europea, a OTAN, pero xa para discrepar sobre cuestións máis próximas o tería con Feijoo. Diríalle que unha cousa é predicar e outra dar trigo, creo que leva dous anos e medio con moita prédica e pouca fariña. Non se pode estar apelando constantemente ao pasado e a gobernos anteriores, senón que hai que producir. Cando se chega a un cargo público xa se ten que vir chorado. Hai cousas que non se entenden, como que unha persoa diga que vai acabar co paro e a crise en 45 días e logo resulta que duplica a taxa de desemprego. Habería moito que falar sobre as súas políticas de desemprego, os seus recortes en educación, en sanidade, servizos sociais e o ataque á lingua e á cultura galegas.

-¿Sempre puido dar as clases en galego?

-Cando ves que formas parte dun país diferenciado, dunha nación que ten un idioma de seu, unha cultura, e ves toda a túa vida que o sistema de ensino ficaba alleo, empezas a concordar con outra xente sobre a necesidade de ter unha escola galega en galego. Iso deu froitos a finais da década dos 70 e aquí formouse o colectivo Avantar do que formamos parte mestres como Xosé Lastra, Agustín Fernández Paz, Xavier Ponte do Campo, Secundino García (da Capela), David Corral, Carmen Malde... Todo un grupo de persoas que a finais dos anos 70 procurábamos que fose o galego o idioma vehicular na aula. Foron anos de moita represión, iso foi o que nos levou a moitos a pasarnos a unha militancia política pero empezamos a dar clases de galego.

-Falando xa de propostas electorais, ¿cales son as do BNG para saír da crise?

-As nosas receitas para xerar emprego son impulsar sectores produtivos básicos para a nosa economía, empezando xa polo naval. Está claro que se fixo unha política equivocada e agora mesmo hai cousas fundamentais para Ferrol: o dique flotante, carga de traballo sostida no tempo e o levantamento da condena, porque non é un veto, para construír barcos. O mar tamén é fundamental, podía alimentar como empresa sostible a 600 familias pero os bancos marisqueiros son improdutivos, iso é prioritario, igual que a pesca, o sector enerxético... Claro, ¿é como conseguir cartos para potencialos? Primeiro, recuperando o diñeiro que se inxectou á grande banca, é un escándalo, din que hai que tranquilizar aos mercados, pero ¿quen tranquiliza aos cinco millóns de parados? Tamén hai que suprimir organismos que non son necesarios, como as deputacións.

-Pero vostede foi vicepresidente da Deputación da Coruña.

-Si e interpreto que as súas competencias poden ser asumidas polas comunidades autónomas ou polos concellos.

-¿Subirán os impostos?

-Por suposto o que hai que facer é unha reforma fiscal de xeito que as rendas máis altas coticen máis, e evitar o fraude fiscal.

-E ¿aumentar a inversión pública?

-Claro, pero iso choca coa reforma constitucional. Durante décadas díxosenos aos nacionalistas que a Constitución era intocable e en nove días introduciron un principio básico do neoliberalismo que é a limitación do déficit público.

xaime bello costa nº1 do bng ao senado