Máis que cancións dun verán (e V)

POR SIRO

FERROL

11 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Despois que nos deixaran ver a película Gilda, a miña irmá, como todas as mulleres de Ferrol, cantaba mentres facía os labores do fogar: Amado mío/ te quiero tanto/ no sabes cuánto/ ni lo sabrás.

Pero o cine dos anos coarenta tiña para os nenos outro mito comparable a Rita Hayworth: o cowboy Ken Maynard, ao que os rapaces de Esteiro trocabamos o nome ao cantar: Yo conozco un vaquerito/ que le llaman Keimainar/ con su gorro y su pistola/ y su caballo Tarzán.

Eran tempos de cancións románticas como a mexicana Bésame mucho, que no 1941 compuxo Consuelo Vázquez Torres, cando tiña 16 e aínda ninguén a bicara. Da francesa La vie en rose, que no 1945 Edith Piaf, autora da letra, converteu nun éxito internacional. Recordo a miña nai fregoteando no vertedeiro e cantando con voz de tiple: Desde el día en que te vi/ me enamoré de ti/ y vi la vida en rosa. No 1950 Chabuca Granda agasallou ao mundo co vals peruano La flor de la canela, que en Ferrol cantamos pequenos e maiores?

A copla seguía dando títulos de cancións dramáticas, de amor e desamor como Campanera ou La Dolores, pero tamén cancións ledas e divertidas, como Tani, El garrotín ou El gitano señorito, que Pepe Blanco convertía en éxitos para que Pepe Romero, Pepucho, con dez ou doce anos, as bordase en Ferrol.

Nos anos cincuenta, a través da radio, seguiamos botándolle guindas ao pavo con Imperio Argentina, descubrindo a gracia de Lola Flores, en El lerele, La tarántula, e tantas outras.

Pero eran tamén anos de música cubana: do mambo, con Pérez Prado; e do cha-cha-cha, con Enrique Jorrín, o creador do ritmo. Cando no 1953 Fidel Castro entraba victorioso en La Habana para facer a revolución, arrasaba un cha-cha-cha titulado La engañadora, quizais un agoiro que ninguén soubo ver.

En Ferrol arrasaron dous titulados Rico Vacilón e Los marcianos llegaron ya, que, loxicamente, chegaron bailando cha-cha-cha.

Os nenos de Ferrol o que bailabamos era La raspa, un ritmo popular mexicano, que se converteu en éxito discográfico a finais dos coarenta.

E nas vodas e festas era obrigado rematar con La conga, baile tradicional cubano que nos anos trinta se convertera en baile de salón.

Remato con dous exitazos do canario Bonet de San Pedro nos anos coarenta: El Tiroliro e Rascayú.

En rigor, ningún dos dous é seu. O Tiroliro é un canto folclórico portugués que Amalia Rodrigues gravou no 1940. Bonet de San Pedro traduciuno e fixo os arranxos para interpretalo coa orquestra Gran Casino, e no 1941 O Tiroliro foi o ritmo máis bailado en España. O éxito seguiu e eu véxome erguendo e baixando os dedos índices, con outros nenos e nenas, cantando e bailando na rúa: Arriba con el tiro liroli lori/ abajo con el tiro liro lero?

O Rascayú de Bonet de San Pedro foi unha recreación inspiradísima e xenial, polo que ten de humor macabro, da canción You Rascal You, que o americano Sam Theard gravara no 1929. Bonet tivo problemas coa censura porque había quen pensaba que o de Rascayú, cuando mueras, ¿qué harás tú? ía por Franco.

Suxírolles que busquen en Internet Sammy Davis Jr-You Rascal You para ver como a interpretaba Sammy Davis aos sete anos. Seguro que mo agradecerán.

sirolopezlorenzo@yahoo.es