Sábeo algunha familia das máis perxudicadas nos tráxicos sucesos de marzo do 72, que recibiu durante meses axuda económica no seu fogar, levada en man polo cura. E pode que non o saiban os traballadores despedidos como consecuencia do conflicto, pero don Manuel mollouse para conseguir a readmisión de todos eles, como se mollara no ano 46 cando se producira a chamada Folga do aceite, ao reducirse a ración a tres octavos de litro por persoa. Era a primeira folga no franquismo e houbo moitos despedidos na Constructora. Os máis foron readmitidos, pero os que quedaron fóra, entraron en Astano pola xestión que o cura levou a cabo ante don José María González Llanos, coa colaboración do bispo de Mondoñedo, Arriba y Castro.
En xuño de 1988 don Manuel foi morrer ao Hospital Xeral, en Caranza. O sobriño Santi visitábao e entoaba unha canción en baixiño, don Manuel facíalle a segunda, e as voces percorrían os corredores no silencio do serán. As monxas acudían a oílos, emocionadas, e vían o cura cantando, cos ollos cheos de bágoas, ben porque, como Schumann, sentise que a música lle permitía comunicarse co Alén; ben porque no intre derradeiro volvía a aquel pequeno Paraíso de Neda, onde nacera cun paxaro na garganta.