Do humor en Ferrol

por siro

FERROL

06 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Desde que o ferrolán Alfonso Tellado saiu no programa de Andreu Buenafuente e sorprendeu a toda España co seu enxeño, recibín por varias vías o vídeo que circula na rede cos diálogos que ambos mantiveron ao comezo e ao remate, primeiro a distancia -Tellado entre o público, Buenafuente no escenario-, logo un ao lado do outro, cando o presentador baixou para sentar co invitado, recoñecendo así a grata impresión que lle causara na conversa inicial, na que dúas veces chegou a dicirlle: «usted es un crack, ¿eh?», e mostrando, ademais, que talento e humildade non son incompatibeis.

Para os que coñecemos a Alfonso Tellado hai cincuenta e tantos anos en Bazán, o seu enxeño non foi ningunha sorpresa. Tellado manexa a retranca ante o interlocutor como un toureiro manexa o capote ante o touro, e tamén el se permite recibilo de xoenllos, adornarse con suertes diversas e brindar a faena ao público, que o premia cunha restra de gargalladas.

En realidade, Alfonso Tellado personifica e exemplariza este peculiar sentido do humor dos galegos, que desconcerta aos de fóra ata o punto de que cando nos atopan na escaleira, non saben se subimos ou baixamos. A retranca é unha trécola intelectual que os galegos usamos para saír dunha situación comprometida. Cando miña nai facía o caldo e saíalle soso, meu pai comentaba: «ten pouco sal», e miña nai respondía: «o sal non é bo». Pero cando se lle ía a man e saíalle salgado de máis, e meu pai protestaba: «moito sal ten», miña nai retrucaba: «as comidas sen sal non saben a nada».

Claro que en Ferrol tamén é moi celebrado o humor anónimo que ataca pero non fere, e ata divirte á mesma víctima.

Hai case un século, alguén argallou a segunda parte da canción Allá en el río de la Sardina, na que se conta que: «Allá enfrente Capitanía hay un agente de Compañía. De media copa gasta el sombrero, zumba que dale, es el pulpero. Toma las lonas bien empalmadas y bebe vino que es un primor, y al otro día, como si nada, va a La Coruña en el vapor».

O pulpeiro inmortalizado polo anónimo letrista era -xa o dixen algunha vez- o avó de Mario e Carlos Villamil, mugardés enxertado en Ferrol, e home agradecido a Noé.

Hai medio século, un traballador de Bazán cunha man máis grande que outra era coñecido como Supermán. Nos anos sesenta á cafetería Sarga chamabámoslle o Bernabeu, porque nela se ventilaba a Liga. Nos mesmos anos alguén chamou A Ponte das Cabras ao anaco da rúa Dolores que ía de El Patio a La Alhambra, transitado por rapazas que empezaban a comportarse como homes. Ao se producir a eclosión de Pan Piana, que enchera a cidade de sucursais, o propietario, Ramón Sánchez Dopico, foi coñecido como el Aga Pan.

Desde Prósper, que tiña tanto de gamberro como de humorista, a Alfonso Tellado, devoto da intelixencia, Ferrol deu moitos humoristas con nomes e apelidos, pero as mellores agudezas, as que permanecen co paso do tempo, son anónimas.

sirolopezlorenzo@yahoo.es