A cabalgata de Reis

POR SIRO?

FERROL

Aos seis anos, coincidín cos meus amigos, os irmáns José María e Manolito Cela, en pedir aos Reis un cabalo de cartón grande para xogar a indios e vaqueiros. Na miña casa xuntaron nun os regalos dos meus pais e dos meus irmáns, e ao espertar o día seis atopeime cun cabalo tan grande que case non podía montalo. Saín á rúa, feliz, e cando estaba a recibir os parabéns dos veciños, apareceron José María e Manolito, tan atristurados, que xamais se me borrou da memoria a súa imaxe. Viñan un diante do outro, cunha man no peto do pantalón, e turrando coa outra dunha corda que levaba no extremo un cabaliño de cartón moi pequeno.

Eu non entendía por que os Reis foran tan xenerosos comigo e tan mesquiños con José María e Manolito, e cada mañá interrogaba á miña nai, ata que me explicou que os Reis Magos eran os pais; que na nosa casa eu era o único neno e na dos Cela eran seis irmáns. De xeito que cando no ano 52 saiu a primeira Cabalgata de Reis en Ferrol, eu xa levaba tempo sen escribirlles a carta, pero fun velos cos meus amigos.

A Cabalgata de Reis foi unha iniciativa de Alfredo Martín, que xa levaba anos facendo o Belén da Orde Terceira. El conseguiu a colaboración dos mandos militares para que os exércitos de Terra, Artillería e Infantería de Mariña aportasen bandas de música, vehículos, soldados, cabalos e mulos; a de comerciantes e industriais que costeasen as propias carrozas -Taka, Pedregal, Couto, Rafael y Vicente, Bazán, Los 15 hermanos e Román Celamor, que cedía un camión co carbón para os nenos malos-; e a de persoas coñecidas que facían de Reis, como Paco Cobas, Panchete ou Xulio González, o que foi directivo do Ateneo.

A Cabalgata percorría a cidade e facía dúas paradas: unha en Capitanía Xeral, onde se celebraba unha recepción á que eran invitadas as familias dos mandos e á que asistían os tres Reis cos seus paxes; e outra no Concello, onde un Rei falaba, desde o balcón, aos nenos. Un ano, mentres os Reis tomaban a copa de viño español en Capitanía, algún bromista debeu de dar orde de reemprender a marcha, porque cando Alfredo Martín e os Reis baixaron, a Cabalgata xa chegaba á Praza de Armas. Era cousa de ver os Magos a pé, pola rúa Real, a paso de lexionario, e a xente botándose a eles cos nenos no colo.

Peor foi cando, anos despois, quizais no 64 -pódese consultar a data nas hemerotecas, porque a anécdota deu moito xogo informativo-, o Rei que botou o discurso no Pazo Municipal acusou ao alcalde Rogelio Cenalmor de querer tirar o palco da música do Cantón para facer vivendas. O Rei preguntaba a berros: «Niños, ¿verdad que no queréis que tiren el palco de la música?». E os nenos respondían: «¡Noooo!»

O alcalde estaba en cama, con febre, pero en canto o informaron do ataque, ergueuse, plantouse no despacho e mandou uns policías municipais a deter ao bo de Alfredo Martín, que estaba cos Reis en Radio Ferrol, na rúa da Terra. Cando Alfredo explicou que el nada tiña que ver co estraño discurso, o alcalde deu orde de deter ao Rei sen agardar que a Cabalgata rematase o percorrido. E así se fixo.

Na declaración o Rei Mago debeu de comprometer ao concelleiro Alfonso Couce Doce, porque o alcalde -quizais por efecto da febre- mandou tamén a policía municipal que fose detelo á súa casa. Días despois, Couce Doce publicaba un artigo, no que, con moita retranca, explicaba que cando os gardas foron por el, pensou que era requerido como médico, e que se sentiu orgullosísimo de poder atender ao rexidor.

No ano en que os rusos lanzaron o Spunik, na Cabalgata saiu Cadramón, o de Ferrol Vello, de astronauta, cun traxe de buzo sen estrear. O malo foi que como non podía mexar lle fixo un furado coa navalla. Outro ano a carroza de Taka era un enorme tambor e sobre él, ía Jalumea, o das Casas Baratas, vestido de granadeiro. De súpeto, como por arte de maxia, Jalumea desapareceu. Nun freazo da carroza afundírase a tapa do tambor e o granadeiro caera ao fondo.

Alfredo Martín fixo a Cabalgata vinte anos, agás un, a finais dos sesenta con López Ramón na alcaldía, en que quixo arranxala Demetrio Casares, que era concelleiro. Aínda que contou cunha subvención municipal, foi un fracaso, e o ano seguinte volveu ser responsabilidade de Alfredo. Hai anos que a Cabalgata se encarga a unha empresa, que o fai moi ben; pero a min paréceme que aquelas cabalgatas dos anos cincuenta e sesenta eran máis entrañabeis, como cousa de todos.

sirolopezlorenzo@yahoo.es