O teatro Jofre (II)

POR SIRO?

FERROL

12 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Andrés Segovia ía dun lado a outro do escenario batendo as mans e eloxiando a acústica do Jofre, que lle parecía semellante á doutro teatro italiano. O mestre da guitarra clásica díxolle a Antonio Hermida, o encargado do teatro, que o segredo daquela acústica excepcional estaba nos centos de vieiras, que, sen dúbida, habería detrás das paredes. Cando recentemente se procedeu á remodelación do teatro, ao derrubar o entorno do escenario, apareceron centos de cunchas de vieiras, coas dúas valvas e co pó negro do que fora o corpo do molusco, cubrindo a superficie de arriba a a abaixo.

Da espléndida acústica do Jofre falaban as compañías de zarzuela, capitaneadas por Marcos Redondo e Luis Sagi-Vela, que chegaban en xira por provincias, e que en Ferrol, dun xeito excepcional, daban cabida nas representacións a valores locais como Alfredo Varela, Felix Lorente, Orozco, Yolanda Otero ou Mili Amado e outras voces da Coral Polifónica de Bazán, dirixida polo padre Fanego. Da acústica do Jofre sabían os gañadores e finalistas do concurso Ruta de estrellas, que facían no teatro unha gala especial. O primeiro certame ganouno Pepe Romero, con catorce anos, interpretando as cancións de Pepe Blanco, quizais o intérprete máis popular na España dos primeiros anos cincoenta, na que tamén triunfaban Antonio Machín, Jorge Sepúlveda, Luis Mariano, Concha Piquer, Antonio Molina, Juanita Reina, Carmen Morell, Lola Flores e Juanito Valderrama, encirrado, o moi bruto, en arrincarlle os dentes á noiva para facer un rosario de marfil, cando marchaba de emigrante.

Debeu de ser no ano 1955 cando se fixo no Jofre un festival cos mellores intérpretes de Ferrol e A Coruña, presentados por Benito Vázquez, de Radio Ferrol, e Marinita de la Peña e Emilio Díaz, de Radio Nacional de España na Coruña. Pepe Romero saíu de frac e cantou Bueno, ¿y qué?, de Pepe Blanco; unha canción na que o público participaba berrándolle: -¡Feo!, e el retrucaba: -Bueno, ¿ y qué?, si ya tengo por mi culpa más de cuatro en Leganés. A xente divertiuse e pediu outra, pero Benito explicou que ninguén podería repetir porque eran moitos intérpretes. Os de galiñeiro achantaron de mala gana, e cando Emilio Díaz empezou a contar chistes, entre presentación e presentación, como facía decote, armouse tal escándalo que quedaron demostradas dúas cousas: que a acústica do Jofre podía converter unha bronca nun balbordo infernal, e que os muros do teatro tiñan solidez para aturar as trompetas de Xericó.

Cando se estreou no Jofre Lo que el viento se llevó viñeron ver a película familias de toda a bisbarra, e o teatro estivo cheo en cada sesión. Un matrimonio de Pontedeume veu cun fillo de seis ou sete anos, que Souto, o porteiro, non deixou pasar. A parella falou co cego que vendía os «iguales» para ver se llo coidaba ata o remate da película, e aceptou amablemente. O cego e o neno fóronse facendo amigos durante a espera, e como onde hai confianza dá noxo, o cego deixou saír un gas que lle bateu nos morros ao pequeno. Quizais para disimular, ocorréuselle berrar ao tempo que aliviaba a tripa: -¡Los diez iguales para hoy!, e o neno saíu correndo, e os pais tiveron que recollelo no Cantón.

Son moitos os recordos que me veñen á memoria cando penso no que o Jofre representou na niña adolescencia e mocidade, pero sempre remato evocando a Prósper, aquel gamberro xenial, a quen non cheguei a coñecer, tan temido como admirado polo seu enxeño, e que un día se permitiu alugar o Jofre para facer a representación dunha obra teatral titulada La agonía de un cabo, da que el sería autor, director e único actor.

O teatro encheuse. O escenario estaba case a escuras e no centro só había unha pequena mesa. Prósper saíu, saudou dobrando o espiñazo, meteu a man nun peto e sacou unha caixa de mistos; meteu a man noutro peto e sacou un cachiño dun cirio. Púxolle lume e quedou ollándoo, en silencio. O público calaba tamén. Cabo dun par de minutos a chama empezou a esmorecer e morreu.

Prósper falou e dixo: «Señoras, señores, acaban de presenciar la agonía de un cabo? de vela». Saudou e largou.

sirolopezlorenzo@yahoo.es