De lúa de mel, yogur e criadillas

POR SIRO?

FERROL

Cando alguén, en Bazán, decidiu agrupar nun mesmo edificio aos deliñantes de Proxectos, Casco e Maquinaria, tivemos ocasión de coñecérmonos moitos colegas que nunca coincidiramos. Aos poucos días de estar xuntos, Lolita, a encargada das calquistas de Proxectos, veu cabo de min e preguntoume: «¿Así que tú eres hermano de Lorencito?» E cando asentín, comentoume mentres me percorría con aqueles enormes ollos verdes: «¡Ay, neniño; no es que tú seas feo, pero para ser como tu hermano tendrías que volver a nacer!».

O meu irmán levábame vinteún anos e formara parte da primeira promoción de deliñantes de Bazán, que se formaran na postguerra por iniciativa de José María González Llanos, e que se convertirían nos mellores técnicos da industria naval española. Moitos foron desaparecendo -o último, o entrañable Paco Couce-, pero polas rúas de Ferrol pasean Vázquez Deus, que fora o cerebro de Astano, e Felipe López Alcaraz, que trocara a técnica pola Economía e fora director financieiro de Bazán.

Meu irmán marchou a Madrid no ano 43, o mesmo no que eu nacín, e alá andivo de pensión en pensión e de ligue en ligue, ata que con trinta anos cumpridos casou cunha rapaza madrileña, que vivira en Francia ata os vinte. Malia os prexuízos que a noiva tiña sobre a Galicia, que só coñecía a través de Valle Inclán, os recén casados decidiron pasar a lúa de mel en Ferrol, e, para que tivesen a necesaria intimidade, a miña irmá e o meu cuñado cedéronlles a súa minúscula pero linda vivenda na rúa de Carlos III, e viñeron á casa dos nosos pais.

Miña irmá e meu cuñado pasaran moitos días comprobando que todo estaba en orde para que os noivos non tivesen o menor contratempo. A trampa da luz estaba perfectamente, a cociña -eléctrica, claro está- tamén, na despensa había todo o necesario para facer un almorzo reparador dos excesos da noite? Só esqueceron unha cousa: os xoves de cada semana una muller vella, fea, suxa e xorda, chamaba á porta, ás oito da mañá para recoller un caixón de lixo que levaba a unha terra cativa que cultivaba perto das Pías. A noite de vodas caeu en mércores, e ao día seguinte, ás oito da mañá, a vella estaba petando na porta. Sorpresa, indecisión dos noivos, a miña cuñada que pon unha bata, abre e atopa unha muller saída dun aquelarre de Goya, que lle di algo. A miña cuñada volve esmacelada, sen sangue no rostro: «Ve tú, que está ahí una señora y yo no sé qué quiere». O meu irmán vai, pregunta, e a vella repite o que xa dixera á miña cuñada: «Vengo a buscar el polvo».

Os prexuízos da miña cuñada non desapareceron. Catro anos despois, no 1956, veu pasar o verán co fillo e a filla, que se levaban once meses. No menú que lles dera o pediatra figuraban o yogur e as criadillas. En Ferrol ninguén oíra falar do yogur. Nin Amador, nin o Rápido o tiñan. Por fin o meu cuñado Paco conseguiuno en Coruña. Viña en tarros grandes de vidro, e cando a miña nai o viu e o probou, dixo: «¡Pero esto é leite callado». E os meus sobriños paparon leite callado todo o verán.

A miña nai non sabía que era o yogur, pero sabía o que eran as criadillas, e rosmaba mentres enfariñaba os filetiños antes de botalos á tixola. A miña cuñada ofendíase pola ignorancia da sogra e explicáballe: «Pues son muy sanas y muy digestivas, y tienen mucho alimento».

Pero a miña nai, erre que erre: «¡Serán, muller, serán; pero eu aos meus fillos non llas daba!».

A discusión repetíase cada semana e miña cuñada ratificábase no convencemento de que os galegos eramos máis cerrados que cáncamos, e que estabamos atrasados porque rexeitabamos o progreso. Ata que un día, na paixón do enfrontamento, a miña nai preguntoulle: «¿Pero tú sabes qué son las criadillas?» E como a nora quedou coa boca aberta, sen saber que responder, aclaroullo nun berro: «¡Son os collóns do cordeiro»

A miña cuñada calou e pechouse na habitación. Cando saiu foi cabo da sogra e díxolle: «Lola, no traiga más criadillas para los niños».

sirolopezlorenzo@yahoo.es