Almacéns de coloniais (I)

POR SIRO?

FERROL

12 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Durante moitos anos os maragatos percorreron Galicia en carros de mulas e rodas enormes. Traían viño e marchaban con pulpo e peixe seco, o que explica as festas gastronómicas do pulpo, do bacallao e do congro al ajo arriero que se celebran na Maragatería. O ferrocarril foi unha competencia demasiado forte para eles, e trocaron o carro polo comercio. En cada vila apareceu unha familia de maragatos cun comercio mixto no que se podía mercar de todo, ou ben con boas tendas de alimentación ou almacéns de viño. A familia Botas, de Ferrol, é de orixe maragata, pero a súa presencia na cidade produciuse dun xeito distinto e curioso.

O creador da dinastía foi Francisco Botas Salvadores, natural de Castrillo de los Polvazares, o fermoso pobo maragato. Francisco chegara a Ferrol so, con catro anos, prohixado pola familia de Celedonio Álvarez, maragato e empresario da alimentación, que iniciou ao rapaz nos segredo do almacén e da distribución.

Francisco quedou con nós, pero casou na súa terra con Josefa Blanco del Río. O matrimonio tivo once fillos, dos que tres -Francisco, Antonio e Enrique- entraron no negocio familiar, formado por un almacén de coloniais ubicado na rúa Dolores, esquina rúa da Terra, e o de viños, na Rúa María, próximo á confluencia coa rúa do Carme, onde hoxe está Gadis.

Enrique independizouse e ampliou o negocio ao mercar o almacén que o curmán José González Botas tiña na rúa Espartero. Durante un tempo estivo na rúa Real, perto da Praza de Armas, e logo trasladouse á que antes chamabamos Calle de la Muralla, hoxe Avenida de Vigo. No ano 1970 cedeu o negocio aos empregados para adicarse a outras actividades empresariais, como as dos buses e os cines. Tamén se asociou con Roberto Tojeiro e Ginés García Acebo, para crear en Betanzos Almacenes Casan, que habería integrase en Gadisa.

Desde hai vintecinco anos os membros da familia Botas se xuntan, cada lustro, en Castrillo de los Polvazares. Chegan dos cinco continentes e celebraron ceas con seiscentos comensais.

No ano 1928 volvía de Cuba un rapaz ferrolán chamado Carlos Díaz Filgueira, natural de San Xoán, disposto a triunfar como empresario e a ser profeta na propia terra. Para iniciar a aventura contou coa inestimable colaboración de Cesárea Rodríguez, veciña e esposa. Xuntos montaron nunha casa de pedra, na estrada de Castela, perto da de San Xoán, un estraño negocio, que era tenda onde se podía mercar de todo -ata materiais para a construcción- pero, especialmente, casa de comidas que Cesárea arranxaba para os carreteiros dos arredores que traían mercancías á cidade.

A cousa foi tan ben que en pouco tempo se trasladaron a Faxardo, ao número 183 da estrada de Castela, cun negocio mixto de estanco, tenda de comestibeis e algo de distribución, por medio dun carro de cabalos. Importaba moito ter satisfeitos os clientes, polo que Carlos facía relacións públicas, visitándoos en bicicleta.

Os fillos aportaron o seu traballo, e Juan foise responsabilizando da tenda, e José e Carlos do almacén. No ano 1943 o pai acordou ceder a empresa aos fillos, e así naceu Carlos Díaz y Cia. Sociedad Regular Colectiva. Andando o tempo, a tenda e o estanco traspasáronse e a empresa centrouse na distribución. A competencia era dura, pero conseguiron chegar a Pontedeume, Valdoviño, Cedeira, Ortigueira, O Barqueiro?

De todos aqueles importantes almacéns de coloniais da miña infancia, hoxe só queda Carlos Díaz y Cía, empresa fundadora e integrada en Gadisa desde o 1986.

Todo é moi distinto. A mediados dos anos cincoenta chegou a Faxardo un camioneiro andaluz con centos de latas de aceite, de cinco e de dez litros. Era domingo e o camioneiro quería baleirar o coche para facer canto antes a viaxe de volta. Axudouno o vello Francisco, coa asistenta que lle facía os labores da casa, e un neto.