Urgente Cuatro marinos desaparecidos al naufragar un cerqueiro frente a Carnota

María Manuela: «Por sorte, síntome profeta na miña terra; Ferrol quéreme»

A voz ferrolana, referente da música galega, protagonizará hoxe unha gala de homenaxe na que estará arroupada por artistas, amigos e fans de toda a vida


Mércores, 3 de decembro. Sobre o escenario do Jofre -rodeada dunha néboa de técnicos, cámaras e cores luminosas-, María Manuela apura os últimos ensaios da gala de homenaxe da que esta noite (20.30) será protagonista no teatro ferrolán. Un piano empeza a soar, e entón, ela canta os preciosos versos de Moraima , o poema de amor que Celso Emilio Ferreiro adicou a súa muller.

Estremece escoitala e queda claro que a a voz da artista non está doente. Nin a súa carreira próxima ao fin. ¿Por que entón unha homenaxe?, se preguntan algúns. Pois, simplemente, porque a xente que a quere ben desexa darlle as grazas por tantos anos de música.

-¿Cómo está a vivir todo este recoñecemento?

-Ao principio deume certo yu yu , porque, case sempre, as homenaxes fanse porque alguén está a piques de morrer ou vaise retirar. Neste caso non se dan ningún deses dous motivos, así que, unha vez superado o medo inicial, podo dicir que estouno disfrutando moitísimo. Penso que é unha cousa moi bonita e síntome moi agradecida con Xosé Lastra, María Luisa Sabio e Miguel López, que foron os que o moveron todo.

-Despois de 35 anos de traxectoria musical, ¿segue sentindo mariposas no estómago cando lle toca saír ao escenario?

-Iso sempre. Pásame o mesmo que cando fago una exposición; o día da inauguración gustaríame estar enferma para non ter que ir (risas). Os nervios sempre están aí.

-Vostede comezou a súa carreira xunto ao seu marido, Miguel Varela. ¿Que significou el na súa vida profesional?

-El foino todo para mín. De Miguel aprendín todo o que sei da música e el sempre estivo aí para apoiarme nos meus proxectos. Sinto que se non fose por el, eu non tería pasado de ser unha moza que cantaba na súa casa. Que o facía ben, si, pero que non tería pasado de aí.

-O seu primeiro disco como dúo foi «Pedro Chosco», no que musicaron un poema de Ana Caxiao. ¿En que outros versos se sinte reflectida María Manuela?

-En moitos. Moitísimos. Manuel e máis eu cantamos poemas de Manuel María, Celso Emilio Ferreiro, Rosalía de Castro... Pero debo dicir que Manuel María e Ana Caxiao foron sempre os nosos referentes.

-Nos seus comezos, ¿como vivía a música?

-Teño moi boas lembranzas daqueles tempos, porque, por aquel entón, para mín a música era un xeito de fuxir da rutina, do cotián. Eu tiña unha perruquería, pero coa música podía evadirme do que facía todos os días. Ademais, os concertos déronme a posibilidades de saír ao estranxeiro e tamén de coñecer a moitos galegos que estaban emigrados. Eles contábannos os seus problemas, as súas inquedanzas, e nós aprendimos moito diso. En definitiva, podo dicir que a música sempre me deu moitas alegrías. Fíxome moi feliz.

-E agora, ¿como vive a música?

-Agora fáltame Miguel, e por iso creo que xa non vivo a música de forma tan intensa e estou máis volcada na pintura. De todos xeitos, Xurxo (un dos seus fillos) fai agora as veces de Miguel, e grazas a el, podo seguir cantando. Queremos facer un disco xuntos.

-Vostede sempre tivo fama de guerrilleira, de artista comprometida. ¿A música é unha boa ferramenta de protesta?

-Iso sempre, aínda que agora é distinto. Antes, o público sentíase feliz simplemente con escoitar os versos cantados de Cabanillas ou de Celso Emilio Ferreiro, porque sentían que así podíanse expresar as cousas que, doutro xeito, habería que calar. A música era unha forma de loita. Agora, afortunadamente, a xente pode falar e protestar libremente, e por iso os artistas, sen descoidar a mensaxe, poden centrarse máis en que a canción sexa fermosa, na parte artística da música.

-¿Síntese querida en Ferrol?

-Síntome moi, moi querida en Ferrol. Por sorte, podo dicir que son profeta na miña terra; Ferrol quéreme e iso o noto en cada un dos concertos que dou aquí.

-Decenas de fans, moitísimos amigos e un bo puñado de artistas (entre eles, Ugía Pedreira, Guadi Galego, Susana Seivane, Mini e Mero, Xurxo Varela e Xoán Rubia) estarán con vostede na gala do Jofre. ¿Sentirá algunha ausencia?

-Por suposto, a de Miguel. A el (engade María Manuela emocionada) adícolle todas e cada unha das cancións do concerto... Porque, como canta Amaral, Sin ti no soy nada .

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos

María Manuela: «Por sorte, síntome profeta na miña terra; Ferrol quéreme»