Fene clausurou as xornadas sobre normalización lingüística

Guillermo Hernández

FERROL

09 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Onte clausuráronse as xornadas sobre normalización lingüística na Casa da Cultura de Fene. Durante catro días un total de 68 profesores, estudantes e integrantes doutros eidos alleos á educación, coma enxeñeiros, déronse cita en Fene para asistir a unhas sesións sobre normalización nas que se trataron tanto temas relacionados co uso do galego na labor educativa coma da situación da lingua a nivel social, cultural e administrativo.

Xosé Lastra, presidente de Nova Escola Galega, colectivo organizador das xornadas, explicou que, «estas xornadas serviron para poder actualizar a visión global do galego no ensino e clarificar puntos conflitivos coma a protección legal do profesorado e tamén dos pais e nais que queren que os seus fillos se eduquen en galego». Tamén concluíu que «serviron para poder ver na práctica as posibilidades que existen á hora de por en marcha o plan de normalización lingüística na educación». Por isto, di Xosé Lastra, «quíxose que estas xornadas estiveran tratadas tanto dende o punto de vista lingüístico como social e cultural».

Da aula á Xunta

Entre os asuntos que expuxeron os relatores dende o pasado mércores destacaron as exposicións sobre as experiencias de normalización lingüística que se están a levar a cabo nos Ceip Manuel Mandías de Ferrol e no IES de Melide, os xogos populares, a identidade lingüística, o uso do galego nos concellos e as políticas de uso do galego da Administración autonómica.

Durante a xornada de onte falouse do traballo que se está a facer dende a Xunta. A mesma asistiron Carmen Adán, por Vicepresidencia, quen tratou sobre as galescolas, e Gregorio Ferreiro, director xeral de Política lingüística. A presidenta da área de Dinamización Social de Fene, Rita Couto, destacou a importancia destas xornadas e fixo fincapé «no delicado estado do proceso de normalización lingüística que reclama un esforzo por parte de toda a sociedade».