«Moito loitei na vida pola gaita, lévoa no sangue»

Sonia Dapena

FERROL

O músico ourensán afincado en Lugo recibirá mañá no Jofre un premio que lle causa «satisfacción e alegría»

30 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Nesta nova edición do premio Constantino Bellón aínda non hai nada decidido no que ao certame de gaita solista se refire. Sen embargo, os galardóns que xa están claros son os de Gaita de Ouro e Gaita de Prata. O experimentado artesán e músico ourensán Rubén González López -afincado en O Incio, en Lugo- fíxose este ano coa primeira mención, que lle entregarán o venres, a partir das 20.30 horas, no ferrolano Teatro Jofre.

-¿Como coñeceu que lle concederan este importante galardón?

-Víctor Fernández Gabeiras (presidente do Xurado do Constantino Bellón) chamou ao meu fillo, pediulle o meu número e xa me chamou a mín. Foi sobre o sábado.

-¿Que se lle pasou pola cabeza cando recibiu a noticia?

-Satisfacción e alegría. É un premio polo meu traballo. Moito loitei na vida pola gaita, lévoa no sangue. Cando aprendín a tocala non había nada, non había quen te ensinara, non había constructores... Foi moi escravo.

-Di que non había artesáns da gaita, ¿de que xeito conseguiu o seu primeiro instrumento?

-Cando morría un gaiteiro vendían a súa gaita. Eu comprei a dun gaiteiro que morrera por 15 pesetas. Fixen os cartos como zoqueiro para poder pagar a gaita.

-¿Tivo unha vida intensa como gaiteiro?

-A principios dos anos 40 formamos un grupo. Eramos cinco: gaitas, clarinete e percusión. Tamén me presentei a un concurso cun gaiteiro de Monforte. O meu fillo aprendeu e seguimos tocando co grupo Agarimos por aí ata hai pouco.

-¿En que lugares actuou?

-En Francia, Bilbao, León, Asturias, Soria, e moito en Portugal e en Galicia.

-¿Esa dedicación á gaita foi de xeito profesional?

-Non. A miña profesión foi ferreiro, facía fouciños e coitelos na forxa.

-¿Aínda sigue en activo como músico?

-Si. O fin de semana os da percusión e máis eu fomos a unha romaría na Cervela. Aí toco dende o ano 45, faltando en poucas ocasións.

-Teño entendido que tamén ten experiencia na fabricación de varios instrumentos.

-Cando era neno, como non había medios, fun ao monte a quitar as peles dunhas cabras que atacara o lobo para facer un bombo e un tamboril. Agora sigo facendo palletas (láminas da embocadura que permiten a emisión de son) para as gaitas. Mandei palletas para Bos Aires, Cáceres, Madrid...

-¿Houbo algunha figura que marcara a súa vida?

-O señor artesán Don Faustino Santalices, que reviviu a zanfoña e que facía tamén gaitas. El regaloume un libro sobre a montaxe da gaita que aínda conservo.

-¿Sigue con folgos para continuar no mundo artístico?

-De momento teño bastantes folgos para a idade que teño. Seguirei indo coa gaita onde faga falla.