«Da cultura e do humanismo nace o espírito da tolerancia»

FERROL

Entrevista | Adolfo Rey Seijo Xeneral, cirurxán, profesor e membro da Xunta de Goberno da Academia Galega de Medicina, o próximo día 21 deixará a dirección da Catedra Jorge Juan

15 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

O doutor Adolfo Rey naceu no ano 1942 na parroquia eumesa de Nogueirosa. Fillo dunha mestra de escola, coñeceu desde moi neno as dificultades que entrañaba naquel tempo difícil, e máis na Galicia rural, elixir como camiño os libros. Tras ter compaxinado a docencia universitaria e o seu paso polas Forzas Armadas co exercicio da Medicina, asumiu hai xustamente un ano a dirección da Cátedra Jorge Juan, na que agora finaliza o seu mandato e onde vai ter como sucesora á profesora Julia Pérez Iglesias. -A pregunta, naturalmente, xa é inevitable: ¿Que balance fai da súa etapa como director da Cátedra...? -Para min, no persoal, este ano foi unha gran experiencia. Procuramos traballar en campos tan diversos como o da literatura, a investigación científica, a filosofía ou a propia medicina. E a resposta do público á nosa chamada sempre foi extraordinaria. Nalgún caso, ata algo sen precedentes, como cando tivemos aquí ao astronauta Pedro Duque e sobre todo ao novelista Arturo Pérez Reverte. Creo que realmente conseguimos o noso obxectivo. -¿E cal era? -Facer da Cátedra Jorge Juan, dando continuidade ao labor de cantos me precederon á fronte dela, unha institución verdeiramente transmisora da cultura. -Fala vostede con frecuencia da importancia de recuperar a mirada humanista do mundo... -¡Sempre...! Porque eu entendo que da cultura e do humanismo nace o espírito da tolerancia, e por tanto a convivencia. Aí é onde reside a fonte da liberdade. Porque a liberdade non pode existir entre quen carece da información suficiente para decidir por si mesmo. Unha poboación culta é, ademais, unha poboación con maior calidade de vida. Cousa que, por certo, é especialmente aplicable á xuventude. ¡Mira o que ocorre agora con ela...! -¿A que se refire? -A fenómenos coma o do botellón, ao que eu non me opoño de maneira gratuíta, senón porque sei o moito dano que fai cando se converte nun fenómeno incontrolado. Hai mil maneiras de aproveitar o tempo de ocio e de pasalo ben sen necesidade de consumir alcohol de maneira desenfreada, molestando aos demais. Con todo, tamén hai que dicir que, por sorte, a xuventude que se comporta así só é unha minoría. Minoría inmensa, talvez, pero á fin e ao cabo unha minoría.