Uns sondeos indicarán se a auga danou a estrutura do colexio

La Voz M.H. | FERROL

FERROL

Pontedeume Os enxeñeiros xa acudiron onte ao Couceiro Freijomil para revisalo Os rapaces afectados polas inundacións retomarán as clases en Andrade nuns días

28 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

?olventado o problema de reubicar no colexio de Andrade aos 80 rapaces de Infantil do colexio Couceiro Freijomil, cuxas aulas quedaron inutilizables tras as inundacións do xoves, agora toca saber cal é o estado do edificio anegado pola auga: tanto das aulas afectadas como das outras partes do recinto escolar que, se ben non se inundaron, están a carón das que si o fixeron. Con esa idea, o concelleiro de Educación, Manuel Rei, desprazouse onte á tarde ata o centro educativo con enxeñeiros da empresa Norcontrol. Tras unha primeira ollada, decidiuse encargar a esta firma uns sondeos xeotécnicos para que comprobe, segundo indicou Rei, «cal é a situación real do colexio e se hai ou non algún tipo de risco». O edil tamén dixo que «o Concello non vai esperar, en absoluto, a decidir se as probas xeotécnicas as paga Educación ou a Administración Local. O importante é que se fagan coa maior urxencia posible e despois xa se decidirá a finanzación, que é o que menos importa neste momento». A preocupación polo estado do edificio débese, sobre todo, a que non se tratou dunhas inundacións normais. E é que, como xa antonte indicou Educación, entre as cheas e as obras que se están a executar no recinto, destapouse un problema de augas pluviais debaixo do centro escolar, co que non é seguro que, de volver chover, non se repita a mesma situación. A opinión dos pais Andrés Nidáguila, presidente da APA do colexio Couceiro Freijomil, explicaba onte cal é a postura dos pais: «Los técnicos de la consellería perjuraron que no hay riesgos pero, no obstante, queremos estar seguros». O portavoz dos pais tamén indicou que o xoves haberá unha xuntanza de proxenitores, Concello e directiva para falar da situación. Nidáguila agradeceu á consellería «la preocupación mostrada hasta el momento y la rapidez con la que se buscó una solución a los niños».