Isidoro Moreno falará na clasura das Xornadas Alcina Franch da «loita pola igualdade» Culminan na Fundación Caixa Galicia os debates sobre festas e identidades sociais
26 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.Tras catro días de debates, na Fundación Caixa Galicia remata esta tarde a décima edición das xornadas de antropoloxía que levan por nome o do profesor Alcina Franch, o recordado investigador que ata a súa morte permaneceu estreitamente vencellado ao encontro que coordinan en Ferrol Mercedes Carbajales e Eduardo Fra Molinero. Nesta ocasión, o encontro serviu para abrir unha reflexión arredor do sentido último dos mitos do novo século. E hoxe, no último día do encontro, Jesús Contreras, catedrático de Antropoloxía da Universidade de Barcelona, falará, ás 18 horas, sobre folclore, identidades e globalización, mientras que ás 20 horas, na conferencia de clausura, o profesor Isidoro Moreno dirixirá á súa mirada aos rituais, aos xéneros... e á loita pola igualdade. Ao longo dos últimos días, o encontro, que se celebra co apoio da Universidade da Coruña, do Museo do Pobo Galego, do Concello de Ferrol e da propia Fundación Caixa Galicia, serviu de marco á discusión sobre cuestións como os cambios dos rituais e das festas coa chegada da globalización, a territorialidade e a identidade colectiva nas festas laicas de Galicia, a manipulación das identidades de xénero, as características das festas nunha cidade como Ferrol e a ritualización da deshumanización. Conferenciantes Ademais do profesor Isidoro Monero, o encontro que remata esta tarde na sede de Caixa Galicia reuniu en Ferrol, durante os últimos días, a investigadores e profesores como o profesor da Universidade da Coruña José María Cardesín, como o antropólogo e profesor da Universidade de Compostela Marcial Gondar, como Paz Moreno Feliú -que exerce a docencia na UNED- e como o antropólogo catalán e catedrático da Universidade de Barcelona Jesús Contreras. De cara á próxima edición deste encontro, e como adiantaba hai uns días Eduardo Fra Molinero, probablemente o tema central das xornadas que manteñen viva a memoria do profesor Alcina Franch será o papel e transcendencia da literatura de creación como fonte para o coñecemento antropolóxico e, polo tanto, como ámbito no que se reflicte, máis alá da ficción, a realidade de cada grupo social e de cada momento histórico.