Un señor que quería ir ao Brasil

FERROL

DENDE ESCANDOI | O |

07 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

NON É fácil que a xente sexa como un a imaxina a través dos seus libros, pero pódolles asegurar que poucas persoas me impresionaron tanto, en toda a miña vida, coma Nélida Piñón, a autora desa marabilla de novela que é A República dos Sonhos ; a escritora brasileira, tan firme candidata ao Premio Nobel, a quen Vargas Llosa lle dedicou La guerra del fin del mundo , a súa impagable crónica da revolución sebastianista: a historia dos homes e das mulleres e dos nenos que, seguindo a Antonio Conselheiro, a finais do século XIX, se sublevaron contra o seu goberno, contra o sistema métrico decimal e contra a contribución. Veu Nélida a Galicia, invitada pola Fundación Casares aos Encontros de Mariñán, para recordar ao autor de Vento ferido , de quen era, máis que unha amiga, unha verdadeira irmá. «Nunca veño a estas cousas -confesaba, tras chegar de Toronto-, pero tratándose de Carlos, ¿como ía deixar de vir?». Tamén Casares sentía por ela unha admiración inmensa. E non me atrevería eu a dicir que el escoitase estes días todo canto del se falou naquel pazo das mariñas, durante os Encontros da Fundación, pero estou seguro, non me cabe dúbida ningunha, de que o que dicía ela chegou ata onde el está. Nélida, de orixe galega -a súa nai chamábase Carmen Cuíñas Piñón-, marchou o domingo. E eu decátome agora de que non lle preguntei se de verdade o Conselheiro saíu voando de Canudos como Mario Vargas Llosa di. Teño tan mala memoria, que ao final nin sequera lle contei que coñecín un señor, que traballara en Ferrol nas lanchas da area, ao que lle chamaban de alcume Madruga, igual que o protagonista de A república dos soños... (Un señor, por certo, que morreu cunha pena dentro: a de non ter ido nunca ao Brasil.)