A Irmandade de Fala tivo un dos seus maiores impulsores en Euxenio Charlón

O actor, escritor e director teatral ferrolán mantivo un intenso compromiso coa defensa da cultura e a lingua de Galicia A constitución da Irmandade da Fala supoñía a organización do movemento nacionalista en Ferrol, igual que se estaba a facer noutras cidades e vilas galegas. Era o resultado da evolución das ideas provincialistas e rexionalistas decimonónicas. O entusiasmo embargou a persoas con diferentes ideoloxías políticas, pero co ideal común da defensa de Galicia e do noso idioma. A Irmandade estivo estreitamente vencellada ao Coro Toxos e Froles e á rondalla Airiños da Miña Terra, e tivo unha activa participación no desenvolvemento da cultura na nosa cidade. De entre os seus impulsores, hoxe queremos lembrar a figura de Euxenio Charlón.


O día 15 de abril de 1917 tiña lugar unha xuntanza para crear a Irmandae, no local da rondalla Airiños da Miña Terra, rúa real, número 27, baixo (actualmente, número 65).«Constituíuse no Ferrol a Irmandade da Fala. Esto énchenos de ledicia. Bríncanos o corazón no peito co entusiasmo», lemos no seu voceiro para toda Galicia, o xornal A Nosa Terra , do día 30 dese mes.Consello LocalO Consello Local da Irmandade quedaba formado do seguinte xeito: conselleiro primeiro, Xaime Quintanilla (médico); conselleiro segundo, Xoán García Niebla (mestre); segredario-contador, Euxenio Charlón (autor e actor teatral); tesoureiro, Francisco Cabo Pastor (médico).Asistiron, ademais, coñecidas personalidades da cultura, como Seoane Pampín, Manuel Comellas, Emilio Bidegaín, Manuel Sánchez Hermida, X. Rodríguez, A. García, Lorenzo...«Tódolos reunidos estaban cheos dun entusiasmo fondo, dispóndose a traballar pola redenzón da nosa terra», continuaba o texto citado anteriormente. Entre os membros e propagandistas da Irmandade tamén están Rodrigo Sanz, Emilio Balás e Caetano Vaello.PrecedentesO ano anterior, o 18 de maio de 1916, formárase a primeira Irmandade na Coruña e, dende entón, houbera varias tentativas para que se crease unha en Ferrol, como a do día 11 de febreiro de 1917: «O 11 de febreiro foi no salón Amboage -seguen as fontes documentais da época- onde por primeira vez oímos nesta cidade falar no noso idioma, e en defensa dos esquecidos dereitos rexionais, a galegos nada sospeitosos no seu proceder, coma o mestre Lugrís Freire, Vilar Ponte ou Carballal, todos da Irmandade da Fala coruñesa».O ferrolán Charlón foi o encargado de presentar aos oradores coruñeses, pero ese día non houbo xente suficiente decidida a comprometerse na dirección da organización, que non nacería, por tanto, ata dous meses despois. Iso si, cunha enorme ilusión e desexos de traballar.Aínda así, a Irmandade ferrolá deseguida organiza conferencias, obras de teatro e mítines. Designa como candidato ás próximas eleccións xerais a Leopoldo Cal, que non resultará elixido. Ademais, faise cun local propio na rúa Real, número 32, e a partires de decembro conta cun voceiro de seu: «Comezou a publicarse no Ferrol un boletín nomeado Galicia , órgano da Irmandade da Fala, que dirixe Xaime Quintanilla. É un boletín admirablemente feito». Ao mesmo tempo, dende aquí continúan as colaboracións para o xornal A Nosa Terra .A primeira asamblea galega das Irmandades celebrouse en Lugo, os días 17 e 18 de novembro de 1918. Representando á Irmandade de Ferrol asistiron Xaime Quintanilla e Carballal. Había membros das irmandades da Coruña, Ourense, Vilagarcía, Pontevedra, Monforte, Santiago, Melide, Ortigueira, Muxía, Betanzos, Vilalba, Lugo, Baralla, O Valadouro e Baiona, como de centros rexionais, sociedades agrarias e asociacións de todo tipo. Do manifesto que redactaron entón, extractamos o seguinte parágrafo: «Tendo a Galicia tódalas características esenciais da nacionalidade, nós nomeámonos, de hoxe para sempre, nacionalistas galegos, xa que a verba rexionalismo no recolle tódalas aspiracións nin encerra toda a intensidade dos nosos problemas. Problemas constituíntes: Autonomía integral para Galicia, autonomía municipal, cooficialidade dos idiomas galego e castelán e (constitución da) federación da Iberia».Datos biográficosEuxenio Charlón Arias nace en Ferrol, concretamente en Santa Icía de Trasancos, que daquela pertencía a Serantes, o día 14 de novembro de 1887. Posteriormente vivirá na rúa Lugo, no número 41. Con catorce anos ingresa na Escola de Artes e Oficios de Ferrol, e entre os anos 1901 e 1906 compaxina os estudios de Aritmética, Xeometría e Debuxo co seu traballo como ebanista. Do seu matrimonio en1911 con Teresa Viñas nacerán seis fillos.Foi un infantigable defensor da lingua e da cultura galega. Non só participou na fundación da irmandade da Fala de Ferrol, senón tamén na do coro Toxos e Froles, e foi un dos primeiros impulsores do teatro en galego, de costumes populares. Unha grande amizade vaino unir co seu compañeiro de estudios e de profesión, Manuel Sánchez Hermida. Nada mellor que as palabras de Carballo Calero para definilos: «Foron dous artistas de Ferrol que disfrutaron un tempo de grande popularidade. Socios entusiastas do laureado coro local Toxos e Froles, compuxeron pasos e sainetes que podían sempre ser interpretados por dous actores soamente. Eles mesmos daban a coñecer así as súas pezas».Xuntos compuxeron Mal de moitos , Trato a cegas , etcétera. Ademais, Charlón escribiu en solitario, entre outras obras, a comedia Carmela e o sainete T umbos de feira , así como letras para cancións das corais. A súa morte (4-8-1930) está amplamente documentada na prensa, que salientou o seu «amor a Galicia» e dixo que con el morría «un dos homes que máis se significaron no renacemento das nosas letras».

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

A Irmandade de Fala tivo un dos seus maiores impulsores en Euxenio Charlón