Sete definicións en busca da biodiversidade

Jesús Garrido

FAI GALICIA VERDE

Instalacións dunha empresa galega de biotecnoloxía aplicada ao cultivo sostible de cogomelos
Instalacións dunha empresa galega de biotecnoloxía aplicada ao cultivo sostible de cogomelos RAMON LEIRO

Presentamos definicións ofrecidas polo Convenio das Nacións Unidas sobre Biodiversidade en 1992 e buscamos a continuación noticias do xornal que demostran a urxencia e actualidade que ofrece aos profesores e alumnos o traballo na aula dun tema tan importante e urxente para beneficio de todos.

22 may 2019 . Actualizado a las 10:41 h.

 Por biodiversidade ou diversidade biolóxica enténdese a variabilidade de organismos vivos de calquera fonte, incluídos os ecosistemas terrestres e mariños e outros ecosistemas acuáticos e os complexos ecolóxicos dos que forman parte. 

- Ecosistema: un complexo dinámico de comunidades vexetais, animais e de microorganismos e o seu medio non vivente que interactúan como unha unidade funcional.

- Hábitat: o lugar ou tipo de ambiente no que existen naturalmente un organismo ou unha poboación.

- Material xenético: todo material de orixe vexetal, animal, microbiana ou doutro tipo que conteña unidades funcionais da herdanza.

- Utilización sostible: a utilización de compoñentes da diversidade biolóxica dun modo e a un ritmo que non ocasione a diminución a longo prazo da diversidade biolóxica.

- Área protexida: enténdese unha área definida xeograficamente que teña sido designada ou regulada e administrada a fin de alcanzar obxectivos específicos de conservación.

- Biotecnoloxía: toda aplicación tecnolóxica que utilice sistemas biolóxicos e organismos vivos ou os seus derivados para a creación ou modificación de produtos ou procesos para usos específicos.

E nove noticias para a escola que nos achegan á realidade de cada día.

1. As moscas, beneficiosas no  desenvolvemento dos ecosistemas

Un estudo da Universidade de Oviedo demostra o papel clave dos insectos preeiros para o o bo funcionamento dos ecosistemas. Segundo os expertos, eses animais -como moscas, escaravellos e formigas-, ademais doutros invertebrados, permiten «o bo funcionamento» dos ecosistemas, a través da reciclaxe de nutrientes e enerxía (La Voz, 11/5/2019).

2. As parellas de píllara descenderon  á metade na praia de Coroso

A investigadora do grupo de Biodiversidade Animal da Universidade de Santiago María Vidal, que leva máis de dúas décadas estudando a evolución da píllara das dunas en Galicia, explica que no areal urbano de Ribeira había, ata hai dúas tempadas, máis de dez parellas, e na actualidade só quedan catro (La Voz, 10/5/2019).

3. Un terzo das pesqueiras están  sobreexplotadas e o 33 % dos  mamíferos, en perigo de extinción

Un novo informe da ONU alerta sobre a drástica aceleración do proceso de extinción de especies e a ameaza que supón para o benestar humano. O estudo realizado pola Plataforma Intergobernamental de Ciencia e Política sobre Biodiversidade e Servizos de Ecosistemas (Ipbes) tamén sinala o camiño para investir tan perigosa tendencia: implementar reformas pesqueiras que permitan unha produción sostible e ecosistemas resilientes (La Voz, 10/5/20119).

4. Pasear, sentir, tocar e aprender  sobre a biodiversidade

Alumnos de sexto curso de primaria e de seis anos de infantil do CEIP plurilingüe Albino Núñez, de Ourense, acompañados dos seus profesores, desprazáronse ata a localidade de Palmés para desenvolver diferentes actividades relacionadas coas árbores e o bosque. Descubriron as especies propias dos montes ourensáns, a súa importancia e as súas necesidades (La Voz, 8/5/2019).

5. Se Asturias nega a realidade da  descarbonización, perderá o tren  da nova industria

Plataforma Intergobernamental sobre a Biodiversidade (Ipbes): un documento demoledor presentado o luns en París sobre a extinción de especies que experimentou unha aceleración sen precedentes e que hai máis dun millón delas ameazadas (La Voz, 8/5/2919).

6. Os datos revelan que a sexta  extinción masiva de especies  comezou

O planeta avanza cara a un ritmo acelerado de extinción de especies que nunca antes se viu. É un proceso de erosión ambiental, inducido en boa parte polo ser humano, que non só afecta á diminución da biodiversidade, senón tamén á perda de servizos esenciais que a natureza nos ofrece, desde a polinización, clave para os cultivos, ata a depuración natural da auga ou a regulación do clima (La Voz, 7/5/2019).

7. Un millón de especies están en  perigo de extinción nas próximas  décadas

O planeta lanzou xa a súa voz de alarma: un millón de especies animais e vexetais atópanse en risco de extinción, moitas nas próximas décadas, a menos que haxa un cambio radical nos métodos de produción e consumo, segundo advirte o maior informe sobre biodiversidade ata a data. A análise é da Plataforma Intergobernamental en Biodiversidade e Servizos Ecosistémicos (Ipbes), presentada a principios de mes na Unesco (La Voz, 6/5/2019).

8. Voz Natura fallará os seus premios  o Día do Medio Ambiente

Coincidindo coa conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente, o 5 de xuño, o programa de educación ambiental Voz Natura desvelará o nome dos equipos (escolas infantís, colexios, institutos ou asociacións) que este curso executaron os proxectos ecolóxicos máis destacados (La Voz, 6/5/2019).

9. Colombia, o país das bolboretas.  Estes insectos son os máis  evolucionados do planeta

Coloridas, xogadoras e delicadas voan nas inexploradas selvas da Orinoquía, os cumes da Serra Nevada de Santa Marta, o chuvioso Chocó e as verdes montañas andinas unhas 3.300 especies que fan de Colombia un país de bolboretas. Ademais, ao visitar os denominados puntos quentes da biodiversidade colombiana no pé de monte andino-amazónico, a cordilleira oriental, o departamento do Putumayo, as selvas baixas do Chocó e a rexión andina, entenderon que aínda hai moito por descubrir en canto a riqueza natural (La Voz, 4/5/2019).