As descubridoras do herbicida natural galego, en «De 0 a 100»: «A nosa motivación é o beneficio social»
DE 0 A 100
Carolina González, Nuria Pedrol e María Pardo, da UVigo; misturaron eucalipto, toxo e menta para patentar un produto que, ademais de eficaz contras as malas herbas, nutre o solo. Contáronllo a alumnos de bacharelato do IES San Tomé de Freixeiro de Vigo gracias ao programa de La Voz coa Consellería de Educación
12 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Nuria Pedrol Bonjoch, Carolina González Puig e María Pardo Muras, do Equipo de Investigación en Bioherbicidas pertencente ao Grupo de Agrobioloxía Ambiental da Universidade de Vigo, demostraron durante máis dunha década que o seu traballo investigador foi quen de acadar unha alternativa natural fronte aos herbicidas de síntese química. Pedrol, bióloga e profesora de González e Pardo, decatouse do problema de empregar herbicidas no campo. «O seu uso, se é indiscriminado, pode provocar resistencias semellantes ao que ocorre cos antibióticos. No noso caso non se trata de bacterias, senón de malas herbas que cada vez se fan máis fortes, obrigando a doses máis altas que poden ser perxudiciais para o solo», indicou na biblioteca do IES San Tomé de Freixeiro de Vigo a medio cento de alumnos de bacharelato.
Como controlar entón as malas herbas? O camiño comezou a marcalo Carolina co seu Traballo Fin de Mestrado, no que estableceu capacidade herbicida no proceso de degradación das follas de eucalipto sobre o terreo. «É tamén unha forma de aproveitar unha biomasa dun proceso industrial, o de obter da árbore pasta de papel -celulosa-, que non tiña un uso concreto. Complétase un proceso de valorización e economía circular», indicou ao respecto González Puig.
A fórmula deste herbicida, baseado no fenómeno da alelopatía, onde as plantas liberan compostos químicos que inflúen no crecemento, supervivencia ou reproducción doutros organismos; mellorouna aínda máis María Pardo. Ela comprobou no laboratorio que o toxo e a xesta, tamén plantas desbotadas nas rozas, tiñan tamén propiedades aptas para o control das malas herbas: «empregadas conxuntamente xunto co eucalipto, melloran a súa eficacia».
A menta é o derradeiro ingrediente que engadiron para patentar o produto, que agora agarda que unha empresa o poña en valor comercializándoo. «Os propios xigantes do sector poderían ofrecelo como alternativa natural», sinalaron no programa de La Voz en colaboración coa Consellería de Educación. As tres pensaron incluso nun acabado útil para a venda do seu herbicida de preemerxencia -botaríase na terra antes do cultivo sen deterioralo- en forma de pequenos pellets.