As novas fronteiras do clima

Francisco Díaz-Fierros

SOCIEDAD

ZOLTAN BALOGH | efe

Artículo de opinión de Francisco Díaz-Fierros, Catedrático emérito de Edafoloxía

02 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

No ano 2007 a Oxfam escocesa sinalaba nun informe sobre xustiza climática: «O cambio climatolóxico foi primeiro un problema científico e despois un problema económico. Na actualidade é materia de xustiza internacional». A sentenza desta oenegué enmarca moi ben toda a problemática que debería ser considerada no cumio do clima de Madrid, así como as prioridades que cómpre ter en conta. A cuestión científica está xa moi amplamente debatida e os cinco informes que leva feito o IPCC (o sexto sairá sobre o 2021-22) non deixan moita marxe de dúbida sobre a realidade do cambio climático e a indiscutible influencia que sobre el teñen as actividades antropoxénicas.

Hai efectos prognosticados cun moi elevado grao de seguridade, como o incremento das temperaturas da atmosfera e os océanos e a suba do nivel do mar. Outros, como todos os relativos ao ciclo da auga, teñen un nivel sensiblemente menor. Sobre os acontecementos climáticos extremos, que son os que acadan sempre un maior impacto na opinión pública, só recentemente se considerou que as vagas de calor tiñan unha probabilidade de aumentar moi alta, mentres que outras como as secas, inundacións ou furacáns presentaban unha dependencia estatística máis baixa en relación coas alteracións inducidas polo ser humano. Son efectos descritos xa desde os primeiros informes do IPCC, pero que agora, nun proceso seguido de refinamento metodolóxico e acumulación de evidencias, son moito mellor coñecidos e seguros e mesmo algúns, como o incremento de temperaturas na zona ártica, está a mostrar nos últimos tempos unha inesperada aceleración.

Fronte a estas evidencias só ficaba unha decidida acción política que puxera os medios para reducir as cantidades dos produtos emitidos á atmosfera polas actividades humanas. De aí naceron, promovidas polas Nacións Unidas, as COP (conferencia das partes) que desde 1995 xuntan anualmente aos países comprometidos coa loita contra o cambio climático. Estamos, pois, diante da conferencia número 25, e unha ollada retrospectiva e crítica sobre o conxunto dos logros de todas as precedentes resulta bastante deprimente. Agás en moi contadas excepcións como a de Kioto en 1997 e a de París no 2015, nas que houbo acordos vinculantes importantes, o resto foi un esgotador forcexo contra a resistencia dos países ricos á redución das súas actividades máis contaminantes. Despois de todo, o que se estaba a promover era un cambio de modelo económico, con claros efectos restritivos sobre o nivel de vida das poboacións.

Pero as evidencias apertan e a necesidade de frear o quecemento global se foi impoñendo nas axencias estatais e agora, despois do informe especial do IPCC do pasado ano sobre os preocupantes efectos dun incremento da temperatura en 1,5 graos, existe xa unha folla de ruta sobre o camiño que hai que seguir. Sábese que unha redución total das emisións de dióxido de carbono para o 2050 sería a solución e o que parecía hai anos unha remota utopía, agora está a ser considerado moi seriamente por moitos Estados. Entre eles, os integrantes da UE.

Os acordos de París recolleron unha reivindicación do ano 2009 dos países menos desenvolvidos para que os máis ricos realizasen unha mobilización de 100.000 millóns de dólares anuais para poder atender as súas necesidades máis apremantes en cuestións de mitigación e adaptación ao cambio climático, pois os ricos eran os principais causantes do problema, mentres que a parte máis pobre do planeta é a que debería ter maiores dificultades para solucionalo. Considerouse esa demanda e acordouse que para o 2020 os países máis contaminantes deberían achegar anualmente esa cantidade. Non sería mala nova para o cumio de Madrid que se puidera anunciar que se estaba a cumprir ese acordo, xa que no ano 2017, esa cantidade era de 71.200 millóns, cunha tendencia anual de crecemento do 20 %. Mais, aínda así, non chegaría para moito, pois a fenda entre o noso mundo de fartura e malgasto e o mundo no que falla case todo é moito maior do que somos quen de imaxinar. Por iso, entre as moitas inxustizas que os afastan, a climática non sería a menor e co tempo, se non se pon remedio, unha fonte inesgotable de traxedias.