Os tres corpos do rei

Xosé Manuel Núñez Seixas
Xosé M. Núñez Seixas ESPECIAL JUAN CARLOS I

ESPAÑA

El rey Felipe VI junto a su padre, su madre y la reina Letizia, en una imagen del 2018 en el Palacio Real
El rey Felipe VI junto a su padre, su madre y la reina Letizia, en una imagen del 2018 en el Palacio Real benito ordoñez

09 ago 2020 . Actualizado a las 18:46 h.

As monarquías no Antigo Réxime baseábanse, entre outros principios, na teoría dos dous corpos do rei. O monarca encarnaba a continuidade da dinastía, da Coroa, como símbolo da permanencia atemporal da comunidade política. O seu corpo físico era un corpo simbólico asemade. Ao falecer o monarca, decontado a función simbólica pasaba ao seu sucesor; o morto volvía ser un pecador calquera. O ritual funerario dos Habsburgo vieneses simbolizaba moi ben esa translación: o corpo do emperador defunto só podía ingresar no panteón dinástico cando se despoxaba dos seus títulos.

As monarquías que se tiveron que afacer aos tempos marcados polo liberalismo, á irrupción do principio da soberanía nacional e, por tanto, á nova lexitimidade do poder político, renunciaron aos atributos divinos da súa lexitimidade. O rei xa non era titular da soberanía, pero as monarquías, alí onde se relexitimaron (por exemplo defendendo a democracia na II Guerra Mundial, coma a neerlandesa ou a dinamarquesa), seguían a cumprir funcións simbólicas: nomeadamente, servir de fío condutor coa continuidade histórica da nación, desempeñar un rol arbitral entre os diversos poderes e ostentar funcións representativas. Nun imperio ou monarquía plurinacional habían ademais simbolizar a integración dos diversos pobos, linguas e grupos étnicos. Os reis abdicaban por diversas razóns, ou os seus herdeiros podían renunciar ao trono para casar con quen quixeren. Mais o corpo da monarquía tiña continuidade.

A anómala situación causada pola tocata e fuga de Xoán Carlos I presenta un paradoxo, que se vén sumar á xa estraña situación do Reino de España contar cun rei titular (Filipe VI) e un rei «emérito» (Xoán Carlos I). Un rei que é emérito non por razóns de decrepitude física, senón como saída de comenencia adoptada no 2014 para tentar reparar os estragos causados no prestixio da monarquía pola sucesión de escándalos que arrodearon a figura de Xoán Carlos I e de parte da familia real dende o 2010. En teoría, malia xuristas haberen que opinan o contrario, a inviolabilidade da súa figura que recolle a carta magna cesaba: Xoán Carlos pasou a ser un cidadán máis. Porén, en termos de lexitimidade e de imaxe a dinastía española pasaba de ter dous a ter tres corpos do rei: dous físicos e un atemporal. Un rei exercente, pero sobre o que a sombra do que o seu proxenitor fixera ou puidese facer seguía a ser moi delongada, pois a súa función simbólica seguía a estar presente xeito implícito.

«A medio prazo serán poucos os que lembren a imaxe de Xoán Carlos I parando o golpe na noite do 23F»

A estraña espantada de Xoán Carlos I non é aínda unha fuxida da Xustiza, pois non hai causas abertas contra del. Mais existen indicios relevantes, e unha alta posibilidade de que sexa imputado. Certamente, outros monarcas tiveron aventuras extramatrimoniais, e outros membros de dinastías reais do mundo defrontáronse con cargos de corrupción. Pero ningún tivo tanta historia e protagonismo nas súas costas, nin se viu envolto nun envurullo tan penoso como politicamente inzado de perigos para o corpo da monarquía.

As sociedades mudaron, e na altura do 2020 as sospeitas de corrupción e fraude non son tolerábeis por unha cidadanía exhausta polos efectos da Grande Depresión de 2007-08 primeiro, e pola loita contra da pandemia despois. A cidadanía esixe explicacións. E require ademais control sobre como os monarcas gastan os diñeiros públicos, ou deixan de declarar réditos extraordinarios.

O rei emérito en teoría é un cidadán calquera. Mais non o é en termos político-simbólicos. O peso da historia recae sobre el. Na súa cabeza restaurouse unha monarquía que sufrira un longo lapso (de 1931 a 1975), por decisión política dun ditador pouco ou nada monárquico.

Foi unha solución pactada cos monárquicos exiliados, e sancionada polos aliados occidentais en plena Guerra Fría. A súa saída a paradoiro descoñecido, cunha breve misiva invocando servizos a España, soa a chapuza carpetovetónica inspirada polo cálculo estratéxico de tirar o rei do medio en pleno agosto, coa opinión pública ocupada noutras leas. Probabelmente o corpo da Coroa sobreviva a curto prazo o temporal: ningún dos grandes partidos estatais, agás Podemos, semella interesado en reformar a Constitución, o que abriría outras cuestións conexas, como a reestruturación territorial do Estado. Moitos ven na Coroa un símbolo da permanencia e continuidade do Estado nación (española), que cumpriría non debilitar en tempos de incerteza perante o desafío catalanista. Os partidarios da República asocian a ela moi diversas expectativas: xustiza social, rexeneración da vida pública, autodeterminación das nacións sen Estado, federalización (asimétrica?) do Estado das autonomías... Quizais polo de agora non poidan pórse de acordo e crear unha maioría social. Mais a medio prazo serán poucos quen lembren a imaxe de Xoán Carlos I parando o golpe na noite do 23F, e compensando coa súa lexitimidade de exercicio o déficit de lexitimidade de orixe da monarquía, cuxa aceptación foi unha condición sine qua non dos reformistas do franquismo para abrirse a negociar dos demócratas. Para boa parte da cidadanía, Xoán Carlos será só o rei do elefante de Botsuana. E a súa sombra seguirá a pesar sobre Filipe VI.

Talvez o debate fundamental na altura de 2020 non sexa república ou monarquía. Xa a comezos dos setenta boa parte da oposición democrática ao franquismo dera prioridade a outra dicotomía: ditadura/democracia. Hoxe, sería bo lembrar que o dilema fundamental é entre unha democracia bananeira e unha democracia de calidade. Certo, nunha monarquía pode coller unha democracia con amplos dereitos sociais, exquisita independencia de poderes e cultura política tolerante e aberta, baseada na primacía da deliberación pública. Mais a calidade da democracia tamén pasa por que non haxa cuestións tabú e fóra do debate: tamén a forma de goberno ou a estrutura territorial do Estado. Porén, para iso cómpre que monarcas e monárquicos deixen de facerse os suecos, e tentar parecerse aos monarcas e monárquicos suecos.