Debate: ¿Debe el Gobierno aplicar en Cataluña el artículo 155 de la Constitución?

La insistencia del Gobierno catalán en el desafío independentista y los graves disturbios en Barcelona tras la sentencia del «procés» vuelven a poner sobre la mesa la oportunidad de usar este mecanismo. Opinan Pedro Puy y Xoaquín Fernández Leiceaga


A favor

Tope de vía

Non chaman a atención e son pouco sofisticados. Algúns non pasan de ser unha pía de travesas vellas; aínda que os máis habituais son de formigón e ferro. Só se mencionan cando algún convoi se estrela contra eles. Pero, por moito que se modernicen os sistemas ferroviarios, os topes de vía seguen sendo imprescindibles para a seguridade no transporte de persoas e mercancías e para minimizar os danos nos accidentes.

Ao igual que no ferroviario, nos sofisticados sistemas constitucionais de natureza federal os topes de vía son imprescindibles para protexer á sociedade do esfarelamento da súa orde democrática. Na nosa Constitución, son moitos e sofisticados os controis xurídicos que regulan a circulación dentro das normas dos órganos das comunidades autónomas: o Tribunal Constitucional, a xurisdición contencioso-administrativa, o Tribunal de Contas e o propio Goberno da nación obrigan a parar, frear ou cambiar de vía para garantir a orde constitucional. Mais ante situacións excepcionais, cando todos eses controis fallan, só queda o tope de vía: o artigo 155.

As excepcionais circunstancias protagonizadas polo independentismo gobernante en Cataluña no 2017, cando moitos falaban de «choque de trens» e algúns entendiamos que só ía chocar un tren contra o muro do Estado, levaron á primeira aplicación completa do 155. O Goberno de Mariano Rajoy requiriu á Generalitat para que restablecese a orde constitucional reiteradamente vulnerada polo Goberno e o Parlamento de Cataluña; as autoridades catalás non responderon ao requirimento, e consecuentemente o Senado aprobou o exercicio da coerción sobre os poderes executivo e lexislativo de Cataluña. Houbo quen a considerou inconstitucional: senllos recursos de Podemos e do Parlamento de Cataluña, xa sentenciados, permitiron ao Tribunal Constitucional avalar a actuación do Goberno de Rajoy, e con iso precisar a natureza e o alcance do 155. Moi en síntese: é un recurso extraordinario, para remediar actos ou disposicións específicas que atentan contra o interese xeral, dirixido a restablecer o normal funcionamento das institucións autonómicas, que non pode ser indefinido no tempo e que só se pode aplicar cando todos os demais controis teñen fallado.

Hoxe, só unha vez esgotadas as demais vías de restitución da legalidade constitucional (e hai moitas, como Pablo Casado está a sinalar), cómpre recorrer ao tope. Enfrontarse ao tren nacionalpopulista catalán lanzando en dirección contraria outro tren semellantemente nacionalpopulista, lonxe de minimizar o problema, podería resultar fatal. Sería bo non chegar a ter que aplicar o 155. Hoxe, lamentablemente, chama moito a atención pese a ser pouco sofisticado. Pero é un tope que funciona, e que volvería funcionar.

Autor Pedro Puy Portavoz do PPdeG no Parlamento de Galicia

En contra

Legalidade e proporcionalidade

A situación en Cataluña preocúpanos no ámbito político e no da orde pública.

A sentenza do Tribunal Supremo castiga as actuacións, non as ideas, de responsábeis políticos e activistas sociais que claramente superaron o noso marco político-institucional, con comportamentos susceptíbeis de reproche penal. No outono do 2017 o Goberno de Mariano Rajoy procedeu, apoiado polas principais forzas políticas da oposición, a solicitar con éxito do Senado a novidosa aplicación dun procedemento extraordinario, o artigo 155 da Constitución Española. A continuación, asumiu o control da Generalitat e convocou eleccións en Cataluña.

O Goberno Rajoy deu ese paso logo dunha longa etapa en que as institucións catalás, entre outras cousas, aprobaron unha lei do referendo de autodeterminación e procederon a organizalo, aprobaron as denominadas leis de desconexión, en atropeladas sesións parlamentarias, e o propio presidente da Generalitat proclamou a república catalá (a independencia) na Cámara. Ademais, a dirección dos Mossos d’Esquadra descoidou o seu cometido durante a xornada de referendo do 1 de outubro. O Tribunal Constitucional xa tiña declarada ilegal a lexislación aprobada, suspendido o referendo e advertido a diversas autoridades sobre as súas obrigas.

Polo momento, na actualidade, nada disto sucede. Non hai resolucións xudiciais de incumprimento da Constitución ou doutras leis por parte da Generalitat nin se detecta un atentado ao interese xeral de España -que son as causas previstas para o 155-. A súa aplicación iría máis alá das previsións constitucionais.

As actuacións policiais nos últimos días, incluíndo as dos Mossos d’Esquadra, merecen a nosa solidariedade, eloxio e apoio para enfrontar unha grave situación de quebranto da orde pública, sen dúbida alentado pola reprochable ausencia dun apoio público e expreso do actual presidente da Generalitat ás policías actuantes. Pero a restauración da orde nada gañaría en termos de eficacia co 155: ninguén discute hoxe a profesionalidade e a contundencia da acción dos Mossos.

En cambio, sería botar gasolina ao lume do conflito de fondo. Non debemos obviar a existencia dun apoio social significativo ás demandas independentistas. Os líderes do procés e os seu seguidores tampouco deberían esquecer que existe unha maioría da sociedade catalá que non apoia esas demandas. Trátase de procurar unha saída dialogada e consensuada en Cataluña, no marco da lei, que poida ser asumida polo conxunto da sociedade española. Para ese empeño tampouco parece que ir máis alá das previsións constitucionais sexa unha boa estratexia. Algúns líderes conservadores actuais fan boa a moderación de Rajoy. E esquecen que debilitar ao Goberno de España nestas circunstancias na busca de réditos electorais dificilmente contribúe ao interese xeral.

Que facer? Cumprimento estrito das previsións legais, restauración da convivencia cidadá e diálogo no marco constitucional.

Autor Xoaquín Fernández Leiceaga Portavoz do PSdeG no Parlamento de Galicia
Votación
20 votos
Comentarios

Debate: ¿Debe el Gobierno aplicar en Cataluña el artículo 155 de la Constitución?